Novas

Inicio » Novas » A Policía Local súmase á campaña de control das condicións do vehículo impulsada pola DXT

A Policía Local súmase á campaña de control das condicións do vehículo impulsada pola DXT

14/07/2017

A Policía Local vaise sumar á campaña especial de vixilancia e control das condicións do vehículo, impulsada Pola Dirección Xeral de Tráfico e que se vai desenvolver do 17 ao 23 de xullo.



Segundo a DXT, a antigüidade do vehículo supón un factor de risco. De feito, o risco de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche de 10 a 15 anos de antigüidade duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. Por iso, é fundamental un adecuado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade dos vehículos: pneumáticos, freos, luces e elementos de sinalización.

Campaña de 2016
O ano pasado, a Policía Local sumouse a unha campaña idéntica, na que foron controlados 421 vehículos. Deles, 34 condutores foron propostos para sanción, o que supón un 8,08% do total, un 5,39% máis que na mesma campaña de 2015.

Dos condutores denunciados, nove fórono por teren os pneumáticos en mal estado, oito por infraccións relacionadas coa documentación do vehículo, un por circular cunha placa ilexible e dez por outros motivos (non uso do cinto, non portar os accesos do vehículo regulamentados…).

Mal estado dos pneumáticos
A Policía Local chama a atención sobre a importancia de circular coas rodas en bo estado. Os pneumáticos constitúen o único e decisivo contacto coa estrada, son os encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no deslizamento lateral. Tamén se encargan de que a dirección do percorrido do vehículo sexa a desexada polo usuario. A principal infracción en relación aos pneumáticos ten que ver co feito de levar unha profundidade do debuxo por baixo do límite legal de 1,6 mm.

A Policía Local lémbralle a toda a cidadanía que é preciso prestarlle unha especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces e sinalización, etc. Todos eles son importantes para evitar os accidentes de tráfico.







Compartir: