Novas

Inicio » Novas » A Policía Local realizou 4.755 controis do uso do cinto de seguridade e dos SRI durante a pasada semana, co resultado de 40 infraccións

A Policía Local realizou 4.755 controis do uso do cinto de seguridade e dos SRI durante a pasada semana, co resultado de 40 infraccións

21/05/2018

Do 14 ao 18 de maio, a Policía Local realizou controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI), no marco dunha nova campaña de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). En total, efectuáronse 4.755 vehículos, cun resultado de 40 infraccións.



Nos 4.755 vehículos controlados, a Policía Local detectou que 36 dos condutores/as (0,76%) non levaba o cinto de seguridade. No caso dos pasaxeiros/as, dos 932 inspeccionados/as, só 4 (0,43%) non facían bo uso deste dispositivo. En canto aos sistemas de retención, realizáronse 94 controis, non rexistrándose ningunha infracción.

Do total de vehículos sometidos a controis, 4.261 eran turismos, 152 taxis, 114 autobuses e 228 vehículos de mercadorías.

Elemento básico de seguridade
O uso do cinto de seguridade é un elemento básico e fundamental da seguridade viaria e reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. O airbag non é eficaz se non se complementa coa utilización do cinto de seguridade.

Non utilizar o cinto nos asentos traseiros tamén supón un gran risco. Nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a outro pasaxeiro dos asentos de dinte pode ser ata oito veces maior. Protexe tanto de saír despedido do habitáculo, como de impactar contra o parabrisas.

A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade, soe levar fatalmente aparellado resultado de morte ou lesións graves. O cinto alcanza unha máxima efectividade nos envorcos, onde se reduce un 77% o risco de morte.

Non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e a condución baixo os efectos do alcohol, un dos principais factores de risco na estrada.

SRI
Nunca se pode levar a un neno en brazos, nin utilizar o seu mesmo cito de seguridade para protexelo. Os/as adultos/as deben asegurarse de que a cadeira está ben instalada e de adaptar o repousacabezas e os arneses da cadeira a medida que o neno vaia medrando.

Os SRI son obrigatorios para nenos cunha altura inferior a 1,35 metros (arredor de 12 anos), e recomendables ata os 1,50 m, sempre homologados á súa talla e peso. En todos os casos, a banda diagonal do cinto debe pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada ao peito, mentres que a banda ventral ten que quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

Se a banda do ombro toca o pescozo ou pasa baixo a queixada, o neno debe seguir utilizando un asento elevador. Nunca se debe ir coa banda debaixo do brazo ou detrás das costas.

A cadeira sempre ten que estar homologada, e hai que buscar a etiqueta coa E que indica para que vehículos é válida e o peso dos nenos que poden utilizala. Ao adquirir a cadeira, débese comprobar que se adapte perfectamente ao asento do automóbil e aos cintos de seguridade.







Compartir: