A Policía Local realizou máis de 41.000 controis de velocidade durante a pasada semana, con 162 infraccións
A Policía Local de Santiago sumouse durante a pasada semana a outra campaña especial sobre vixilancia e control de velocidade da DXT. Do 1 ao 7 de abril controláronse 41.610 vehículos, dos que 162 foron denunciados para sanción por superar os límites establecidos.
Do total de controis, 2.867 vehículos foron controlados a través do radar móbil, detectando 38 vehículos que superaban os límites de velocidade, o que supón o 1,38% dos inspeccionados. O resto de controis, 38.743, realizáronse a través do radar do túnel do Hórreo, que detectou 124 infraccións, o 0,32% do total.
Factor clave en accidentes
A velocidade ten unha influencia directa na causalidade e na severidade dos accidentes de tráfico. Con velocidades de condución máis altas, o número de sinistros e a súa gravidade aumentan desproporcionadamente. Así, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en accidente de tráfico.
A incidencia da velocidade é especialmente alta no caso dos atropelos, xa que a partir de 80 km/h é practicamente imposible que un peón se salve nun atropelo. A unha velocidade de 30 quilómetros por hora, o risco de morte do peatón redúcese ao 10%.
A velocidade tamén inflúe na distancia de detención, que será a suma da distancia de reacción e a distancia de freado. Estará en función da velocidade, do tempo de reacción do condutor, das condicións técnicas do vehículo e do estado do firme da calzada. Por termo medio, a 120 quilómetros por hora necesitamos para deternos unha distancia superior a un campo de fútbol.
O exceso de velocidade, apunta a Dirección Xeral de Tráfico, tamén ten unha influencia negativa sobre o medio ambiente, a calidade de vida e o consumo de combustible.