Novas

Inicio » Novas » A última campaña da Policía Local de control de alcohol e drogas sáldase con 1.274 probas e 27 positivos

A última campaña da Policía Local de control de alcohol e drogas sáldase con 1.274 probas e 27 positivos

21/12/2017

No marco da última campaña de control de alcoholemia e drogas da DXT, realizada do 11 ao 17 de decembro, a Policía Local de Santiago realizou un total de 1.233 probas de alcoholemia e 41 de drogas, cun balance de 20 e 7 positivos, respectivamente.



Os 20 positivos en alcoholemia supoñen o 1,62% do total de probas realizadas, unha porcentaxe idéntica á da campaña do pasado ano, se ben neste 2017 se incrementou nun 30,25% o número de probas realizadas. Todos estes positivos derivaron en denuncias administrativas, ao non alcanzar taxas superiores ao 0,60 mg de alcohol por litro de aire expirado. Na campaña de 2016 por estas datas, rexistráranse 14 positivos, dos que cinco se tramitaran pola vía penal, ao superar o devandito límite.

Chama particularmente a atención que a totalidade de positivos correspondeu a homes. Por idades, o 32% dos denunciados teñen idades comprendidas entre 18 e 30 anos, un 16% entre 31 e 40 anos, un 26% entre 41 e 50 anos e outro 26% entre 51 e 60 anos. Non se detectou ningún positivo en persoas con máis de 60 anos.

Drogas
Os sete positivos en drogas detectados supoñen un 17,07% respecto ao total de probas realizadas, tramitándose todos eles como denuncia administrativa. Se ben neste 2017 se realizou un 41% máis de probas, o número de positivos só se incrementou nun 3,87%.

Seis homes (85,71%) e unha muller (14,29%) deron positivo por consumo de estupefacientes. Catro destas persoas tiñan idades entre 18 e 30 anos, e as outras tres estaban na franxa de idade entre 31 e 40 anos.







Compartir: