Vacacións e seguridade viaria

Inicio » Tráfico » Consellos » Vacacións e seguridade viaria

Vacacións e seguridade viaria

Vacacións e seguridade viaria

Consellos para o condutor

  • A véspera da viaxe procure descansar e durmir o suficiente. 
  • Mentres conduza non se poña metas, tempos nin distancias.
  • Descanse cada200 Kmou cada dúas horas, manteña ben ventilado o interior do vehículo e converse cos pasaxeiros para evitar a somnolencia.
  • Nos descansos estacione fóra da estrada, estire as pernas e respire aire puro.
  • Evite durante a viaxe as comidas copiosas.
  • Leve roupa cómoda e calzado adecuado para a condución.
  • Leve á man os obxectos persoais e os que poida necesitar durante a viaxe.
  • Conduza prestando a máxima atención. Está prohibido conducir utilizando cascos ou auriculares conectados a aparellos receptores ou reprodutores de son.
  • O alcohol, as drogas e certos medicamentos son incompatibles coa condución de vehículos. Recorde que todos os condutores de vehículos e bicicletas quedan obrigados a someterse ás probas de alcoholemia e de consumo de estupefacientes, psicotrópicos e  outras substancias análogas.
  • Respecte os límites de velocidade xenéricos e específicos. Manteña unha velocidade adecuada ao estado da vía, á intensidade circulatoria e ás condicións meteorolóxicas.
  • Os condutores e ocupantes de motocicletas e ciclomotores deben utilizar adecuadamente cascos de protección tanto en vías urbanas como interurbanas.
  • Utilice sempre e de forma correcta os cintos de seguridade ou outros sistemas de retención homologados, tanto na circulación por vías urbanas como interurbanas. 
  • En caso de accidente siga esta secuencia:
    • Protexerse            
    • Avisar aos servizos de urxencia
    • Socorrer ás persoas accidentadas

Co vehículo
  • Recorde que os vehículos teñen que ter pasada a ITV, non obstante é conveniente facer unha revisión previa ao inicio da viaxe. 
  • En caso de avaría utilice os triángulos para advertir do obstáculo que supón o vehículo e poña o chaleco reflectante para facerse ver por outros condutores.
  • A carga ten que colocarse segura e ben suxeita, de xeito que non poida molestar a condución incluso en caso de freadas de urxencia.
  • Unha vez dentro do vehículo todos os pasaxeiros deben colocar o cinto de seguridade e o condutor e o copiloto deben regular o apoiacabezas para protexer a cabeza en caso dunha violenta desaceleración. Este debe colocarse de tal forma que o centro quede á altura dos ollos de quen o utiliza. Por outro lado, os nenos deben ir ben suxeitos e se viaxan bebés deben situarse nas cadeiras infantís correspondentes (un neno que viaxe sen ningunha suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais).
  • Atención ás condicións meteorolóxicas: chuvias intensas, néboas… 
  • Unha vez no destino non se relaxe respecto ás medidas de seguridade. Os desprazamentos curtos tamén producen accidentes graves.
  • Aparque o vehículo nun lugar onde sexa facilmente visible, evite os aparcamentos ou áreas de servizo solitarios.
  • Non deixe o coche aberto, cérreo e active a alarma se a ten. Non deixe obxectos ou prendas á vista.
  • Non permita que accedan ao seu vehículo persoas descoñecidas.
  • Comunique calquera anomalía ás forzas ou corpos de seguridade ou avisando ao teléfono 112.

Consellos para peóns
  • Camiñe sempre polas beirarrúas. Ande o máis lonxe que poida da calzada e non xunto ao bordo da beirarrúa para evitar caídas e posibles atropelos.
  • Teña coidado coas entradas de garaxes e talleres, os vehículos poden efectuar manobras imprevistas sen velo.
  • Cruce a rúa polo camiño máis curto, sempre en liña recta, nunca en diagonal. Cantos menos metros percorra, menor será o risco.
  • Teña coidado cos vehículos longos cando xiran (autobuses, camións etc.), as rodas traseiras cérranse respecto ás dianteiras e é fácil sufrir un atropelo.
  • Cruzar sempre por detrás dos autobuses, nunca por diante. Con iso conseguirá ver e ser visto polos vehículos que se achegan.
  • Se pasea con animais de compañía non os deixe nunca soltos (salvo nos lugares especialmente habilitados para este fin).
  • Nunca cruce fóra dos pasos para peóns e ao chegar a eles detéñase na beirarrúa, non na calzada.
  • Respecte os semáforos para peóns. Cando a luz de peón estea en cor verde, mire sempre e agarde uns segundos antes de cruzar. Se regula a circulación un axente de policía cruce cando este llo indique. 
  • Pola noite procure cruzar a rúa por unha zona iluminada, así poderá ser visto con máis facilidade polos vehículos que circulan.





Compartir: