¿Que facer en caso de accidente de tráfico?

Inicio » Tráfico » Consellos » ¿Que facer en caso de accidente de...
¿Que facer en caso de accidente de tráfico?

Verse implicado nun accidente de circulación é unha situación imprevista que afecta á capacidade de reacción das persoas, o que fai máis difícil tomar decisións. Por iso é necesario, na medida do posible, manter a calma e priorizar correctamente cada unha das accións que debemos emprender.

Non debemos empregar tempo en discusións inútiles sobre quen é o responsable ou quen se fará cargo dos danos, xa que en ningún caso reducirá ou solucionará os efectos do accidente. 

Unha vez que se tivo accidente de tráfico, o principal é sinalizar a zona e asegurarse de que non haxa vítimas e, en caso de que as houbese, asistilas e chamar aos servizos de urxencias aos números 061 ou 112. De non haber vítimas ou se estas son leves, deberá restablecerse a circulación apartando dos carrís de circulación os vehículos sinistrados. É conveniente marcar a posición final cun xiz –debuxando un L nas catro esquinas do vehículo.

Pódese cubrir un parte amigable cando hai danos materiais e existe un acordo sobre a forma en como ocorreu o accidente. Pero cando non existe ese acordo, os danos materiais son de consideración ou hai danos persoais, é necesario chamar á Policía Local para que instrúan as dilixencias necesarias. En caso de chamar ao teléfono 112, este servizo de urxencias encárgase de mobilizar os medios sanitarios e os policiais. Se se tratase soamente de danos materiais de escasa contía e non están implicados vehículos estacionados nin se produción danos ao patrimonio, é recomendable sempre chegar a un acordo, pois de non ser así e reclamar a presenza da Policía Local ou da Garda Civil, esta, ademais de cubrir un parte de accidente, sancionará a parte que infrinxira algunha norma de circulación e en consecuencia causara o accidente. 

Deberá tomar nota de todos os vehículos implicados, así como dos datos dos seus condutores e compañías de seguros, para poder con posterioridade dar parte á súa propia compañía. É importante que o parte amigable sexa asinado por ambas as partes, dándolle así validez probatoria.

Actuación en caso de presenciar un accidente de tráfico  

  • Non se precipite en acudir en auxilio dos vehículos sinistrados. O primeiro é avisar aos demais automobilistas que circulan pola vía para evitar que aumente o número de involucrados. Manteña a calma, pense na súa seguridade e na dos demais usuarios.
  • Avise ao corpo de seguridade competente (Policía Local: 092 ou Garda Civil: 062) e aos servizos sanitarios de urxencia, chamando ao teléfono 112.
  • Apague o contacto dos vehículos accidentados.
  • Ao atender aos feridos non mova aqueles que estean atrapados. Tampouco é conveniente mover os que estean inconscientes, é preferible agardar a que acudan os servizos sanitarios. Aplique as técnicas de primeiros auxilios só cando as coñeza ben.
  • Tome nota de calquera vehículo involucrado que abandone o lugar do sinistro.
  • Facilite todos os datos que obtivera aos axentes cando cheguen.
  • Colabore cos axentes e cos servizos sanitarios.
En caso de accidente con feridos

Nestes casos, se se produciu a morte ou resultou ferida algunha persoa, é obrigatorio que permaneza no lugar do accidente ou que volva a el se se ausentou para avisar o por outra causa de forza maior.

A actuación prioritaria estará encamiñada a auxiliar ou solicitar auxilio para atender as vítimas (teléfono de urxencias: 112) e en prestar a colaboración necesaria para evitar maiores perigos ou danos, sinalizando o lugar do accidente se fose necesario cos triángulos de presinalización de perigo ou polos medios de que se dispoña.

Unha vez feito isto, a lei obriga a que se poña de inmediato o feito en coñecemento da Policía Local, nos accidentes en vías urbanas, ou da Garda Civil, en vías interurbanas, e mentres chegan, a que as persoas que estean no lugar procuren evitar que se modifique a posición final dos vehículos e se borren ou alteren as pegadas e os restos do accidente, sempre e cando isto non supoña maiores riscos para o resto de vehículos que poidan circular pola zona.

En tanto non chega a asistencia sanitaria, deben evitarse actuacións inadecuadas como mover o pescozo da persoa lesionada, manipular as súas feridas ou darlle líquidos ou alimentos de calquera tipo. 

Debe procurarse non mover o ferido. Se polas circunstancias do accidente fose preciso facelo antes da chegada da ambulancia, procurarase inmobilizarlle o pescozo, protexéndoo en todo momento. Ante a falta dun colar cervical, é posible colocar roupa ou area ao lado, nunca debaixo do pescozo e da cabeza do ferido.

Aconséllase manter abertas as vías respiratorias do ferido e evitar a súa asfixia pola obstrución da lingua. Convén manter elevado o queixo, realizando ventilación artificial en caso de necesidade.

Cando existan restos na boca que dificulten o paso do aire (dentadura postiza, chicle, alimentos etc.) débense retirar.

Non debe trasladarse un ferido por accidente de tráfico ata o centro sanitario se non se ten un vehículo adecuado para tal fin e en todo caso é fundamental inmobilizar o eixe cabeza-pescozo-tronco. Se non sabe actuar ante un ferido, é mellor que non faga nada.

En accidentes con consecuencias graves é posible que a Policía Local, no transcurso da súa investigación, necesite da súa colaboración. Colabore sempre que sexa requirido, é un acto de civismo que posibilitará un resultado máis xusto.


En caso de accidente con danos materiais

Se vostede está implicado nun accidente deste tipo no que non se produciron danos persoais e a seguridade da vía está restablecida, non está obrigado a poñelo en coñecemento da Policía Local. Pode chegar a un arranxo amigable cos demais implicados. 

Non obstante, se observa que calquera dos implicados trata de eludir a súa responsabilidade, se aprecia signos de que puidese estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou se algunha das partes o pide, é conveniente que solicite a presenza da Policía Local.

Non intente eludir a súa responsabilidade. Nalgúns casos darse á fuga pode ser constitutivo de delito e sempre é, cando menos, infracción administrativa. Con independencia disto, sempre é un acto de insolidariedade que merece o rexeitamento social. 

A persoa implicada nun accidente está obrigada a facilitar ao resto de implicados a súa identidade e domicilio, así como os demais datos do vehículo, podendo facelo por si mesma ou a  través dos axentes da autoridade.

En calquera caso, se se causan danos materiais a calquera vehículo estacionado e o seu condutor ou titular non está presente, a lei obriga a que se proporcionen por calquera medio e da forma máis rápida posible os datos persoais, castigando como infracción administrativa a omisión de tal conduta.

Igualmente a lei obriga a calquera persoa, sexa condutor ou non, que presencie un accidente a poñelo en coñecemento da Policía, a non ser que esta xa se presentara no lugar do accidente. 

Se vostede presencia un accidente no que o condutor se dá á fuga anote o seu número de matrícula e o maior número de datos que poida (marca, modelo, cor etc.) e a seguir póñaos en coñecemento da Policía Local. O afectado agradecerá a súa colaboración e a Policía manterá o seu anonimato se ese é o seu desexo.



Reclamación ao seguro

O prexudicado nun accidente de tráfico pode non estar de acordo coas indemnizacións que ofreza a compañía de seguros ou cos tratamentos médicos que esta lle propoña. En caso de non chegar a un acordo, hai dúas vías de reclamación: 

  • Penal. Hai un prazo de seis meses para formular a denuncia desde a data do accidente. Esta denuncia poderase presentar perante o xulgado de garda situado na rúa de Viena, 1, 15707, Santiago de Compostela (A Coruña).
  • Civil. Hai un prazo de reclamación dun ano desde que as secuelas son definitivas. A reclamación en vía civil deberá formularse, mediante avogado e procurador, perante os xulgados de primeira instancia. 





Compartir: