Parte europeo de accidentes

Inicio » Tráfico » Consellos » Parte europeo de accidentes
Parte europeo de accidentes

Imos supoñer que vostede decidiu cubrir o parte europeo de accidentes, que non é outra cousa que unha declaración amigable de accidente,  dámoslle unhas pautas para facelo:

RECOMENDACIÓNS BÁSICAS PARA CUBRIR UN PARTE AMIGABLE

  1. Tratar de manter a calma.
  2. Retirar os vehículos implicados da calzada a un lugar próximo e seguro para realizar o parte.
  3. Utilizar bolígrafo e comprobar que calque ben.
  4. Encher todos os datos posibles e asegurarse de que tamén os cobre a outra parte.
  5. Se existen testemuñas, anotalas no apartado número 5, na parte superior.
  6. Asinar e distribuír unha copia para cada persoa implicada
  7. Utilizar só un parte para cada accidente. 
  8. E lembre que os implicados non teñen que determinar a responsabilidade do sinistro, cubra só o parte e entrégueo á súa compañía aseguradora.
Agora ben, despois de ter en conta estas breves recomendacións, pasemos ao desenvolvemento pormenorizado da súa execución. 

En primeiro lugar é de vital importancia manter a calma e non discutir. Se o cree conveniente e o contrario non colabora é recomendable chamar á Policía. É importante cubrir ben todos os campos, utilizando sempre maiúsculas. É fundamental corroborar os datos de todas as persoas e vehículos implicados no accidente. En definitiva, acreditar ben todos os datos no documento.

Documentación necesaria dos condutores e vehículos implicados: 
  • Permiso de condución 
  • Permiso de circulación   
  • Recibo do seguro

Igual de importante é asumir, desde un principio e á hora de cubrir os campos, quen será o vehículo A e cal o B:
  • ÁREA AZUL: Datos do vehículo, do seguro e do condutor A (non importa cal dos dous vehículos asume ser o vehículo A, pero si é  importante respectar esa decisión en todos os apartados do parte para que conste sempre como tal o mesmo, xa sexa no esbozo, na explicación das circunstancias do accidente ou na indicación dos datos persoais).
  • ÁREA AMARELA: Datos do vehículo, do seguro e do condutor  B

Canta maior información inclúa o parte, mellor.  A parte onde se expoñen as circunstancias do sinistro é a columna central. Curiosamente é o apartado que máis erros rexistra e provoca que case o 25% das reclamacións non cheguen a resolverse amigablemente.

Cada condutor debe marcar os cadros que describen a súa actuación. No apartado “12. Circunstancias”, se se elixe a opción do “vehículo A”, os cadros para indicar as súas manobras serán os que veñen xusto debaixo e ao lado; e nos cadros do “vehículo B” recolleranse as manobras realizadas polo contrario. En caso de que haxa máis de dous vehículos ou persoas implicadas no accidente, deberase cubrir o apartado correspondente do reverso do parte e identificar a todos os vehículos coa súa matrícula no esbozo do accidente). Determinar as circunstancias do accidente remítenos a unha batería de preguntas, cómpre sinalar as que máis se adecúan para explicar como se produciu o accidente. É posible que ningunha das 17 circunstancias descritas no parte se axuste ao caso concreto. Se isto sucede, non hai que marcar ningún recadro e hai que cubrir o campo “14. Observacións” coa descrición do sucedido.

Na parte inferior hai un espazo (zona de cuadricula) para realizar un esbozo das posicións dos vehículos. Débese realizar identificando cada vehículo coa súa letra e incluíndo frechas que reflictan o movemento se fose necesario. Non é imprescindible debuxalo sempre que as circunstancias especificadas sexan claras.

É importante enviar fotografías do sinistro e dos danos ocasionados á compañía de seguros sempre que sexa posible.

sinatura do documento por todas as persoas involucradas é moi importante. Así mesmo, aínda que exista falta de acordo por unha das partes e sempre que as circunstancias que se deron no accidente que lle atinxe sexan claras, pode asinar igual, xa que serán as compañías aseguradoras as que determinen a responsabilidade con base nas circunstancias concorrentes. 

Non esqueza entregar o parte á compañía de seguros. O prazo establecido pola lei indica que o sinistro debe ser declarado durante os 7 días seguintes a que se produza.

Por último, pero non menos importante, deixe de lado as présas á hora de cubrir o parte de accidente. Dedicar o tempo necesario a explicar ben o sucedido asegurará que se axilice a solución do sinistro. Este será o momento de indicar o que desexe, pois unha vez que o documento estea asinado xa non se pode incluír nada porque ambas as copias deben ser exactas e conter a mesma información.



Descargas



Compartir: