Historia

Inicio » Información xeral » Corpo policial » Historia »
Ano 1951 - Sección móbil coas bicicletas no Obradoiro

O primeiro antecedente do que hoxe coñecemos como Corpo de Policía Local podemos atopalo no ano 1780 pois ata esta data non existen ordenanzas municipais propiamente ditas. Porén, dende ese ano atopamos na documentación que se conserva unha referencia constante aos asuntos de policía urbana. Convén aclarar que con este concepto non se designaba, como na actualidade, a un corpo de policías, senón que este termo facía referencia, sobre todo, ao civismo, á urbanidade. Máis ca un conxunto de persoas, policía urbana englobaba todas aquelas preocupacións, de cidadáns e autoridades, referidas ao bo estado da súa cidade.

Ademais do anterior temos un segundo antecedente que nos permite entender a creación, en 1848, do que hoxe se coñece como Policía Local. Pérez Constanti, arquiveiro municipal a principios do século XX, na súa compilación de regulamentos da garda municipal, que vai de 1837 a 1900, dinos que a policía municipal se constituiría aquel ano coa denominación de Ronda de Policía Urbana pero que, anos antes, xa fora creada a compañía de serenos.

No mes de febreiro de 1848, o alcalde de Santiago era don Miguel Díaz. Nun documento do 22 de febreiro de 1848 asinado por el aparecen queixas polos moitos roubos que estaban a detectarse na cidade, feito que decidiu a entrada en funcionamento, a partir dese momento, dunha Rolda de Policía Urbana que viña engadirse á xa existente compañía de serenos nocturnos. Creábase así o Corpo da Policía Local.

Os aspectos da vida cotiá dos habitantes, hixiénicos, urbanístico-arquitectónicos, a imaxe que ofrecía a cidade etc., son os temas que centran a atención dos primeiros gardas municipais.

Os gardas diúrnos e os serenos diferenciábanse en que os segundos se ocupaban case exclusivamente da seguridade cidadá, mentres que os primeiros desenvolvían un maior número de funcións.

Sobre todo no século XIX, pero aínda no XX, os gardas municipais actuaban conxuntamente con outros corpos de seguridade, dos que cabe sinalar, pola súa importancia e connotacións, a figura do sereno particular, vixilante nocturno pagado pola veciñanza dun barrio para o control das súas rúas durante a noite.



Ano 1920 - Lanceiros

No ano 1887, a raíña María Cristina aproba o Regulamento para os corpos de seguridade e vixilancia, no que se fixa, por exemplo, a estatura mínima para entrar neles en 1,66 m e tamén a obrigatoriedade do servizo por parellas.

No último terzo do século XIX o crecemento da Policía Urbana vai asociado ao desenvolvemento da cidade, polas novas función e espazos que se xeran nesta época: os paseos da Alameda incorporan policías municipais para a súa vixilancia mentres que o Mercado de Abastos promove a dotación de axentes que garantan a hixiene e o control das mercadorías.

A esta burocratización e progresiva complicación e delimitación de función dos gardas municipais vén engadirse, a principios do século XX, un novo problema: o tráfico de vehículos. A aparición destas máquinas motivou a creación dentro da Policía Local da sección de Tráfico, que controlaba e organizaba a circulación. En 1918 xa se contaba cun regulamento para a circulación de vehículos.

A partir do ano 1920 vaise incrementando o número de efectivos que compoñen o servizo, concretamente en 1928, o número de axentes que integraba o corpo era 63: 1 xefe, 3 cabos, 5 gardas de primeira, 42 gardas de segunda, 2 gardas ciclistas e 10 gardas nocturnos. En 1955 amplíase o cadro de persoal en 25 gardas, motivado pola proxección turística de Santiago que se estaba iniciando.

En 1975, o Pleno do 18 de febreiro establecía o cadro en 112 axentes: 100 gardas, 6 cabos, 4 sarxentos, 1 suboficial e 1 oficial xefe. Este mesmo ano desaparece o corpo de serenos, que pasa a incluírse na Policía Local.



Ano 1982 - Brigada Nocturna

En 1980 créase a brigada nocturna.

En 1989 créanse unidades dentro da Policía Local.

En 1998 (ano no que se celebra o 150 aniversario da súa creación) conta con 162 profesionais: un suboficial xefe, un suboficial de tráfico, 6 sarxentos, 16 cabos e 128 gardas, organizándose da seguinte maneira: Xefatura da Policía Local, Unidade Administrativa ou de Servizos (sección administrativa, sección de servizos –diúrno e nocturno- e sección de urbanismo), Unidade de Seguridade Cidadá (servizo diúrno e nocturno), Unidade de Tráfico (sección de tráfico, sección motorizada, sección de atestados e sección da sala de control de tráfico) e Unidade de Policía de Barrio, contando tamén con escolta de gala (formada por lanceiros, maceiros e garda vella).




Galería de imaxes



Compartir: