A Policía Local de Santiago de Compostela resolve un accidente causado por un vehículo que se deu á fuga
A Unidade de Atestados da Policía Local de Santiago de Compostela resolveu un accidente con danos materiais causado por un vehículo que se deu á fuga a madrugada do domingo día 7 de decembro. A forte colisión produciuse contra un vehículo estacionado, que como resultado deste impacto desprázase cara a adiante causando danos nunha árbore e impactando contra outro vehículo estacionado.
O accidente tivo lugar nunha das rúas da contorna urbana da nosa cidade, con pouco tránsito de circulación, motivo polo cal non existen testemuñas presenciais dos feitos. Os restos atopados no lugar da colisión, as investigacións dos axentes da Policía Local e instrutores do caso, levaron a realizar durante varios días distintas xestións para finalmente conseguir localizar o vehículo causante do sinistro, que se atopaba estacionado noutro punto da cidade afastado do lugar do accidente.
Posteriormente localizouse ao seu condutor, que se persoou en dependencias policiais onde recoñeceu ser o responsable dos feitos. Foi denunciado por ausentarse do lugar sen facilitar os datos aos vehículos contrarios nin dar aviso á Policía.
Así mesmo, a noite do pasado domingo día 14 outro vehículo deuse á fuga tras chocar con outros dous estacionados nunha rúa céntrica da cidade. Neste caso houbo testemuñas, que facilitaron datos relevantes para a investigación. A unidade de Atestados atópase realizando xestións para contactar co condutor responsable dos danos materiais causados.