Recomendacións da Policía local para facilitar a mobilidade nos viais da cidade por mor dos desprazamentos das festas
As festas de Nadal levan consigo o incremento dos desprazamentos por compras e a correspondente concorrencia de público en zonas comerciais. A Policía Local de Santiago afánase en colaborar na mellora do tráfico rodado ao ser a época do ano que máis intensidade circulatoria rexistra nas zonas comercias da cidade. Ao mesmo tempo e co principal obxectivo de favorecer a circulación rodada no centro e entorno dos centros comerciais, dende a Policía Local recomendase que na medida do posible se eviten esas franxas horarias.
Entre as zonas de alto risco destaca a afluencia do tráfico no centro da cidade que afecta aos accesos cara á zona monumental e cara ao ensanche a través do enlace dende a Porta do Camiño, Praza de Galicia, Hórreo, Alameda e Rosalía de Castro, e introduce tráfico nos numerosos párkings da cidade. A intensidade de circulación nesta zona será especialmente forte nos días de semana de luns a venres, con horas punta de mañá de 12h a 14 h e de tarde de 17h a 20h. Destacarán días como o próximo luns 22, martes 23, mércores 24 e o mércores 31 de decembro; xa no ano novo as datas con relevante importancia serán venres 2 e luns 5.
A Cabalgata de Reis percorrerá estas mesmas zonas do ensanche e zona monumental o día 5 de xaneiro, día no que o tráfico presentará importantes restricións para o acceso a estes puntos durante toda a tarde.
Destaca tamén o tráfico que accede a outras áreas comerciais: Rúa Restollal (Corte Inglés), polígono de Fontiñas (Area Central), Camiño do Francés (Cancelas) e por último o polígono da Costa Vella. Este tráfico caracterízase polo seu incremento nos días de fin de semana ou festivos, e será especialmente intenso os próximos días, o sábado 20, domingo 21, mércores 24, sábado 27, domingo 28, todos eles do mes de decembro. En xaneiro de 2015, o sábado 3 e domingo 4 en horario de 16.30h a 20h.
Finalmente, a partir do día 7 de xaneiro tamén se incrementará o tráfico con motivo do inicio das rebaixas, destacando dende ese mesmo día mércores 7 ata o domingo 11 incluído.