Novas

Inicio » Novas » A Policía Local de Santiago reforza a súa formación en técnicas de intervención policial

A Policía Local de Santiago reforza a súa formación en técnicas de intervención policial

22/04/2015

Ata o vindeiro 4 de xuño, a Policía Local de Santiago reforza os seus coñecementos en técnicas de intervención policial participando no Curso básico de técnicas de operativa policial 2015 organizado polo Concello, que como cada ano, pon en marcha unha serie de actividades formativas dirixidas á Policía Local coa finalidade de garantir a súa formación continua.



O Recinto Ferial de Amio acolle este curso operativo, deseñado co obxectivo de actualizar aos funcionarios policiais nos últimos protocolos de aplicación en supostos especiais da operatividade policial, que lles permitan crear habilidades e realizalas de forma experta, discreta e co debido respecto á dignidade humana. Así mesmo, búscase que os axentes, a través dun adestramento encamiñado á resposta policial máis axeitada, potencien o desenvolvemento das aptitudes físico-psíquicas e de hábitos que promovan o mantemento físico e a preparación de técnica policial. Esta formación específica baséase en técnicas seguras de rexistros de inmobles, identificación de persoas e vehículos e operativa policial.

O curso impartirase os luns e xoves en horario de 16:00 a 21:00 horas, entre os meses de abril e xuño, cun total de 50 horas de duración. A programación está dividida nun total de cinco módulos, nos que se traballarán os tipos de engrilletamentos, a detención policial, os protocolos de traballo operativo, a entrada e rexistro de inmobles ou a interceptación de vehículos.

Outros cursos
Ademais deste Curso básico de técnicas de operativa policial, a Policía Local de Santiago realizará outras actividades formativas antes dos meses de verán. Así, este venres 28 de abril comezará un curso de investigación de accidentes, no que se explicará como realizar unha toma de datos co obxectivo de coñecer a metodoloxía completa para reconstruír un sinistro, saber facer unha recompilación de datos para a reconstrución e resolver casos reais de forma pormenorizada.

Ademais, o luns e o martes da próxima semana, impartirase un curso de xestión de sala de tráfico a través do programa Optimus.

A comezos do mes de maio terá lugar unha nova actividade, que consiste nun curso de actualización lexislativa en materia de tráfico e seguridade viaria no que se tratarán as condutas que poden representar ilícitos tanto penais coma administrativos.

Esta acción formativa remata a mediados de xuño, quedando para despois do verán outra serie de cursos de formación.







Compartir: