Martiño Noriega felicita a Policía Local polo seu traballo durante a tractorada
O alcalde de Santiago visitou esta mañá as dependencias da Policía Local para felicitar os axentes polo labor que desenvolveron durante a tractorada. E é que as mobilizacións do sector lácteo que tiveron lugar en Compostela entre o 7 e o 11 de setembro obrigaron aos traballadores do corpo a dobraren turnos para garantir a seguridade.
Martiño Noriega, acompañado polo concelleiro Xan Duro, agradeceulle á Policía Local o seu esforzo e o seu bo facer, que permitiu minimizar o impacto das manifestacións na vida diaria da veciñanza. O rexedor loubou a empatía e implicación dos axentes, e aproveitou para lembrar a comprensión amosada polos composteláns durante as mobilizacións.
O alcalde visitou as dependencias da Policía Local pouco antes das oito da mañá, para dese xeito poder falar cos axentes dos turnos da noite e da mañá.