A Policía Local imparte unha charla sobre seguridade viaria en Down Compostela
No marco do programa Vivimos as mesmas realidades, a Policía Local impartiu este martes unha charla educativa aos mozos e mozas da Fundación Down Compostela. O obxectivo destas sesións é que os alumnos e alumnas aprendan a circular con seguridade.
O obxectivo xeral do programa é promover a concienciación sobre a seguridade viaria, neste caso entre os adultos da Fundación Down Compostela. Nestas charlas trátase de influír no comportamento viario por medio de novos métodos didácticos, empregando as tecnoloxías da información e varias campañas de sensibilización.
Nestas sesións trabállase en tres frontes: sensibilización e introdución da seguridade viaria nos plans educativos, formación dos máis maiores como membros de pleno dereito da vía e información sobre as actitudes de risco que inciden na sinistralidade viaria.
Nunha primeira parte explícase a teoría e realízanse xogos, cancións e actividades lúdicas. A continuación, faise unha aplicación práctica dos valores aprendidos a través de saídas programadas á vía pública e visitas ás dependencias da Policía Local. Todo isto co fin último de facilitar ferramentas que permitan a estas persoas mellorar a súa autonomía e integración social.