Máis de 500 escolares composteláns participaron xa nas actividades de seguridade viaria da Policía Local
A Policía Local segue recorrendo os colexios de Compostela, co seu programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño. No que vai de curso, foron xa máis de 500 alumnos de 4º e 6º de Primaria os que participaron nas actividades, que pretenden facilitarlles aos rapaces as claves para unha mobilidade segura. O programa estase desenvolvendo tanto nos colexios públicos como nos privados, e polo de agora chegou xa aos CEIP López Ferreiro, Raíña Fabiola e Quiroga Palacios, e aos colexios Manuel Peleteiro, San Pelayo-Emma e A Salle.
O programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño parte do convencemento de que a educación é fundamental para promover unha boa seguridade viaria. Por iso, a Policía Local quere achegar aos colexios actividades que dan a coñecer as normas básicas que teñen que seguir os peóns, os ciclistas ou os condutores; familiarizan aos cativos cos sinais de tráfico, e fomentan bos hábitos que os rapaces poden incorporar con facilidade. Dentro desa campaña, deseñáronse dous programas específicos: Son pasaxeiro de coche ou autobús e Son condutor de bicicletas. Nos dous casos, ofrécense contidos teóricos e prácticos.
Vivimos as mesmas realidades
A Policía Local tamén ten en marcha o programa Vivimos as mesmas realidades, dirixido a mozas e mozos de centros de educación especial. Neste caso, xa se celebraron actividades na Fundación Down e no Colexio de Educación Especial Manuel López Navalón. O obxectivo destas sesións é que os alumnos e alumnas aprendan a circular con seguridade, e que o fagan dunha maneira lúdica.
Nunha primeira parte, os axentes explican a teoría botando man de xogos ou cancións, para despois facer unha aplicación práctica dos valores aprendidos, a través de saídas programadas á vía pública e visitas ás dependencias da Policía Local. Deste xeito, o programa contribúe a que estes rapaces gañen en autonomía e melloren a súa integración social.
Os colexios de Compostela interesados nestes programas poden poñerse en contacto co Departamento de Educación Viaria do Concello de Santiago, a través do e-mail: educacionvial@santiagodecompostela.gal ou do Facebook: Educación viaria en Compostela.