Novas

Inicio » Novas » A Policía Local realizará controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil do 14 ao 20 de marzo

A Policía Local realizará controis do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil do 14 ao 20 de marzo

12/03/2016

Do 14 ao 20 de marzo, a Policía Local de Santiago realizará controis sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI). Sumarase así a unha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico sobre dous elementos cuxo uso é obrigatorio e que contribúen a reducir sensiblemente a sinistralidade nos accidentes de tráfico.



Todos os ocupantes dun vehículo deben ir suxeitos cun sistema de retención axeitado. No caso do cinto de seguridade, a súa utilización é básica na seguridade viaria e reduce o risco de morte en caso de accidente. Cómpre lembrar, por exemplo, que o airbag non é eficaz se non se complementa co uso do cinto.

Este sistema tamén sebe ser utilizado non só nos asentos dianteiros, senón tamén nos traseiros. Así, nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a outro pasaxeiro dos asentos de diante pode ser ata oito veces maior.

O cinto de seguridade protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. A 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade soe levar fatalmente aparellado resultado de morte ou lesións graves. O cinto alcanza unha máxima efectividade nos envorcos, nos que se reduce un 77% o risco de morte.

Non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e a condución baixo os efectos do alcohol, un dos principais factores de risco na estrada.

SRI
Un neno non debe levarse en brazos nun vehículo, nin utilizar o mesmo cinto de seguridade para protexelo. Ten que ir nunha cadeira homologada e correctamente instalada. O repousacabezas e os arneses deben ir adaptándose a medida que o pequeno vaia medrando.

O uso dos sistemas de retención infantil (SRI) é obrigatorio en nenos e nenas cunha altura inferior a 1,35 metros, e recomendable que, ata os 1,50 metros, sigan utilizando SRI homologados á súa talla e peso. É importante que a cadeira estea homologada, cos sistemas de ancoraxes establecidos polas normativas europeas, e que se adapte perfectamente ao asento do automóbil e aos cintos de seguridade.

En todos os casos, a banda diagonal do cinto ten que pasar pola clavícula sobre o ombro e ben pegada o peito, mentres que a banda ventral debe quedar o máis baixa posible sobre a cadeira.

O SRI son o mellor seguro de vida do neno. Así, un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves. De feito, nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais teríanse evitado de utilizar sistemas de retención obrigatorios.

Indicadores
En vías interurbanas no ano 2014, o 23% dos falecidos usuarios de turismos e furgonetas non utilizaban o cinto de seguridade e, nas vías urbanas, non o levaban 23 dos 76 falecidos. No referido aos feridos hospitalizados en vías interurbanas, non utilizaban cinto o 9%, e nas urbanas o 17%.

Na última campaña de vixilancia e control do uso do cinto de seguridade e dos SRI, realizada do 7 ao 13 de setembro de 2015, inspeccionáronse 344.000 vehículos en todo o Estado, comprobándose que 2.830 adultos e 206 menores de 12 anos viaxaban sen ningún tipo de sistema de retención. Dos adultos, 1.766 eran condutores e 1.064 pasaxeiros (649 viaxaban nos asentos dianteiros e 415 nos traseiros).

No caso dos menores, dos 206 que non levaban cinto de seguridade nin sistema de retención infantil, 46 viaxaban nos asentos dianteiros e 160 nos traseiros. Como se observa nos resultados dos menores, o uso do cinto e dos SRI nos asentos traseiros é tres veces inferior ao que se produce nos dianteiros.







Compartir: