Novas

Inicio » Novas » O programa Colecamiños chega tamén ao colexio Raíña Fabiola

O programa Colecamiños chega tamén ao colexio Raíña Fabiola

29/03/2016

Despois de case medio ano funcionando con éxito no CEIP Pío XII, o programa Colecamiños chegou hoxe ao CEIP Raíña Fabiola. Fíxoo cunha única ruta, coincidente coa establecida dende Galeras para o Pío XII, e con oito nenos e nenas participantes, un número aceptable tendo en conta o mal tempo e o feito de estarmos á volta das vacacións de Semana Santa. Nas próxima semanas, a Policía Local continuará co traballo de difusión deste camiño escolar seguro, co obxectivo de que se sumen novos rapaces e rapazas.



O programa Colecamiños está dirixido aos alumnos e alumnas de Primaria dos colexios de Compostela. O obxectivo é promover que os nenos e nenas vaian camiñando aos seus colexios, de xeito que se favorece a súa socialización con outros cativos, se consegue que gañen en autonomía, e se libera de vehículos privados o contorno dos colexios.

O programa empezou funcionando no CEIP Pío XII con catro rutas, dende a Praza de Vigo e a Praza Roxa, o Campus, Santa Isabel e a cidade histórica. Nos puntos de orixe destes itinerarios, reserváronse espazos para que os pais poidan parar uns minutos cos seus vehículos para deixar aos nenos. Os rapaces camiñan ata os colexios acompañados de pais voluntarios e de membros de Protección Civil.







Compartir: