A Policía Local súmase á campaña da DXT para o control da velocidade
O Concello de Santiago volve sumarse á campaña especial sobre vixilancia e control de velocidade, que promove a Dirección Xeral de Tráfico. Por iso, a Policía Local levará a cabo controis de velocidade nas principais vías urbanas, desde hoxe e ata o próximo domingo 24 de abril.
A Policía Local lembra que o exceso de velocidade foi un factor concurrente no 22 por cento dos accidentes mortais en estrada rexistrados ao longo de 2014, e que unha velocidade axeitada podería evitar a cuarta parte dos falecidos en sinistros de tráfico. Ademais, desde a entrada en vigor da Lei do permiso de conducir por puntos o 40 por cento das sancións e máis do 48 por cento dos puntos detraídos tiveron que ver co exceso de velocidade.
A DXT valora especialmente a participación dos Concellos nestas campañas de control, xa que as cidades son o escenario no que a maioría dos condutores se inicia na condución e adquire determinados hábitos e costumes. O exceso de velocidade, apunta a Dirección Xeral de Tráfico, incide na seguridade viaria, pero tamén ten unha influencia negativa sobre o medio ambiente, a calidade de vida e o consumo de combustible. O mal uso dos vehículos pode interferir no benestar dos residentes, e ter un impacto moi negativo sobre a seguridade dos usuarios dos viarios máis vulnerables, como os peóns ou os ciclistas.
Neste sentido, hai que lembrar que a partir de 80 km/hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 km/hora o risco de morte redúcese ao 10 por cento. O cinto de seguridade proporciona protección aos ocupantes do automóbil para unha velocidade máxima de 70 km/hora no caso de impactos frontais, e de 50 km/hora nos impactos laterais.