Novas

Inicio » Novas » Comezan as mañás de inglés no Colecamiños do CEIP Raíña Fabiola

Comezan as mañás de inglés no Colecamiños do CEIP Raíña Fabiola

27/04/2016

A Policía Local de Santiago está a dinamizar os Colecamiños dos CEIPs Pío XII e Raíña Fabiola a través de diversas actividades. Este mércores, na ruta morada de Galeras iniciouse neste centro English&Way, ás mañás en inglés con xogos sobre a educación viaria, nas que colabora o Centro Británico.



O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, achegouse ata Santa Isabel para saúdar os rapaces e rapazas participantes, 35 neste colexio. A actividades de inglés xa se veñen desenvolvendo tamén nos Colecamiños do CEIP Pío XII.

Colecamiños
Despois de case medio ano funcionando con éxito no CEIP Pío XII, o programa Colecamiños chegou a finais de marzo ao CEIP Raíña Fabiola. Fíxoo cunha ruta, coincidente coa establecida dende Galeras para o Pío XII. A Policía Local continúa agora co traballo de difusión deste camiño escolar seguro, co obxectivo de que se sumen novos rapaces e rapazas.

O programa Colecamiños está dirixido aos alumnos e alumnas de Primaria dos colexios de Compostela. O obxectivo é promover que os nenos e nenas vaian camiñando aos seus colexios, de xeito que se favorece a súa socialización con outros cativos, se consegue que gañen en autonomía, e se libera de vehículos privados o contorno dos colexios.

O programa empezou funcionando no CEIP Pío XII con catro rutas, dende a praza de Vigo e a praza Roxa, o Campus, Santa Isabel e a cidade histórica. Nos puntos de orixe destes itinerarios, reserváronse espazos para que os pais poidan parar uns minutos cos seus vehículos para deixar aos nenos. Os rapaces camiñan ata os colexios acompañados de pais voluntarios e de membros da Policía Local.







Compartir: