O "Road Show" abriu o programa en torno ao Día da Seguridade Viaria
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, asistiu no Auditorio de Galicia á representación teatral sobre seguridade viaria Road Show, dirixida a estudantes de 1º de Bacharelato. Esta actividade forma parte do programa que preparou o Concello de Santiago para celebrar o Día da Seguridade Viaria (10 de xuño).
Este Road Show é un xeito novidoso e impactante de concienciar aos máis novos da importancia dunha condución segura e responsable. O espectáculo chegou a Compostela da man de IRSA (International Road Safety Academy) e de Trafpol, unha asociación sen ánimo de lucro integrada por policías locais de todo o Estado e que traballa no campo da educación viaria.
A representación está dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato. A actividade comeza simulando unha discoteca, para que os rapaces vexan reflectido o ambiente no que se produce o consumo de alcol. Despois, os asistentes ven imaxes reais de accidentes de tráfico e poden coñecer as experiencias de policías ou bombeiros. Preto de 600 estudantes de cinco institutos de Compostela asistiron ao espectáculo.
Este evento forma parte do programa organizado polo Concello para celebrar o Día da Seguridade Viaria (10 de xuño), co obxectivo de concienciar á poboación máis nova da importancia de actuar de xeito seguro e responsable, como condutor, como peón ou como usuario de bicicletas.
Parque infantil de tráfico
Para o martes 7 de xuño está prevista unha xornada de portas abertas no parque infantil de tráfico instalado en Amio, de 16:00 a 19:00 horas. O obxectivo é que todos os rapaces e rapazas de Compostela que non puideron visitalo aínda coñezan este recurso, que se enmarca no programa de seguridade viaria da Policía Local Móvete seguro con Moito Olliño.
Polo parque pasou xa o alumnado dunha ducia de colexios composteláns, que puido poñer en práctica o aprendido previamente nas aulas sobre comportamentos seguros na rede viaria e sobre normas básicas de circulación. En Amio tamén está instalado, en colaboración con Decathlon, un taller de bicicletas, na que os rapaces e rapazas poden aprender a resolver pequenos problemas técnicos coma un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas.
A Semana da Seguridade Viaria rematará o 10 de xuño, cun gran evento na praza do Obradoiro no que se dará a coñecer o labor da Policía Local e do persoal de emerxencias.