Novas

Inicio » Novas » Uns 300 escolares de Primaria participarán este venres nunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro

Uns 300 escolares de Primaria participarán este venres nunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro

06/06/2016

Este venres, 10 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas, celébrase o Día Mundial da Seguridade Viaria. Con tal motivo, o Concello organizou a Semana da Educación Viaria, un programa de actividades que se pechará precisamente este día cunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro. Haberá talleres, música, unha xincana e outras actividades durante unhas horas nas que un dos protagonistas será Moito Olliño, a mascota do Programa de Educación Viaria da Policía Local.



Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia; Diana Parente, oficial da Policía Local responsable do Programa de Educación Viaria; e Jesús Martínez, xefe dos Bombeiros de Santiago, presentaron o programa desta xornada, á que asistirán uns 300 rapaces e rapazas de 4º de Primaria de varios centros escolares. Todos eles poder participar, por exemplo, no Parque Infantil de Tráfico que se instalará no Obradoiro e que durante estas última semanas estivo no recinto feiral de Amio.

Tamén haberá diversos talleres, como o de bicicletas impartido en colaboración con Decathlon. Trátase dun obradoiro no que os rapaces e rapazas poden aprender a resolver pequenos problemas técnicos como un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas. Protección Civil tamén se unirá á xornada cun taller sobre primeiros auxilios.

A participación dos Bombeiros e a súa interacción cos nenos e nenas centrarase na prevención. Impartirán un taller sobre excarceración, na que os participantes poderán contemplar as técnica e materiais empregados nestes supostos. Ademais, prepararon unha xincana na que se combinarán os compoñentes didáctico e lúdico.

Os vehículos e materiais da Policía Local e dos Bombeiros tamén estarán expostos na praza, para que os pequenos e pequenas tamén poidan facer uso deles e sentirse policías e bombeiros por un día.

Moito Olliño
Esta xornada tamén servirá para a presentación pública da mascota do Programa de Educación Viaria, Moito Olliño. Este personaxe tamén é o protagonista do vídeo sobre seguridade viaria elaborado para o programa e que se proxectará este día. Na gravación participaron algúns nenos e nenas do Colecamiños dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII, e tamén do Colexio Peleteiro.

O programa desta xornada sobre seguridade viaria completarase co contacontos musical aXente Corrente, a cargo de Xoglares.



Ligazóns





Compartir: