A Policía Local colabora coa campaña de control de alcoholemia e drogas da DXT
A Policía Local de Compostela está colaborando coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas, que se está a desenvolver en todo o Estado ata o día 12. Esta é a primeira das tres campañas programadas para este ano.
O ano pasado, na campaña de control de alcoholemia e drogas, a Policía Local practicou 5.323 probas, co resultado de 94 denuncias de carácter administrativo, 22 infraccións penais e 9 denuncias administrativas por conducir baixo os efectos das drogas. En caso de accidentes, realizáronse 74 probas, das que 33 foron positivas, e foi preciso tramitar un atestado por condución baixo a influencia das drogas.
Conducir cunha taxa de alcohol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros, e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se considera que o consumo lle ten afectado á condución.
A Policía Local lembra que o exercicio da condución se ten que realizar sempre nas mellores condicións para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.