A Policía Local colabora na campaña de control das condicións técnicas do vehículo
A Policía Local de Santiago está a participar esta semana na campaña de vixilancia e control das condicións do vehículo impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico. Os controis estanse levando a cabo dende o luns 11 e prolongaranse ata o próximo domingo 17 de xullo.
A Policía Local lembra que para combater a sinistralidade é fundamental un axeitado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces, sinalización� Está demostrado que os fallos técnicos contribúen de forma decisiva nun 6% dos accidentes de automóbil, que representan 2.000 vítimas mortais cada ano na Unión Europea. No caso dos sinistros de moto, esa porcentaxe elévase ao 8%.
Ademais, segundo un estudo recente do RACE, os defectos nos pneumáticos son a causa do aumento nas saídas de vía, que en 2014 supuxeron o 38% do total de accidentes, fronte ao 34 % de 2013. A recomendación é que a profundidade das ranuras sexa dun mínimo de 3 milímetros, se ben o límite legal é de 1,6 milímetros.