A Policía Local de Santiago colabora esta fin de semana noutra campaña da DXT de control de alcohol e drogas
A Policía Local colabora unha vez máis coa Dirección Xeral de Tráfico nunha campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas. Por tal motivo, realizará controis entre o 12 e o 14 de agosto.
Dende a Policía Local lembran que o importe das sancións administrativas vai dende os 500 euros e a perda de catro puntos por unha taxa de 0.25 mg/l a 0.50 mg/l ata os 1.000 euros e a perda de seis puntos por unha taxa de 0.50 mg/l a 0.60 mg/l. Excedendo esta última taxa cométese un delito contra a seguridade viaria. Dar positivo na proba de drogas supón unha sanción de 1.000 euros, podendo desembocar en infracción penal se a influencia afecta a condución.
Tamén se recorda que é primordial o exercicio da condución sempre nas mellores condicións e coa capacidade de atención necesaria, evitando crear situacións de risco ao resto de usuarios da vía. Por iso, a Policía Local solicita a colaboración de todos os condutores e lémbralles que a única taxa segura é 0.0%.
A pesar de que existe un cambio de comportamento dos cidadáns, que fixo que a porcentaxe de positivos en controis preventivos de alcohol e drogas descenda dunha forma notable no último decenio, pasando do 5,1% ao 1,6%, a Policía Local e a DXT seguen traballando en prol do obxectivo de reducir a presenza do alcohol na condución. Así, solicitan o sentido da prudencia ao volante, tanto para os condutores como para os acompañantes, impedindo que persoas que bebesen collan o coche e, en todo caso, non subíndose aos vehículos coas mesmas.
O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas. Aínda que o condutor teña a crenza de que está en pleno uso das súas facultades físicas e mentais, coa inxestión de alcohol multiplica o risco de sufrir un accidente.
Ademais da presenza do alcohol, case un 11% de persoas conducen tras ter consumido algunha substancia que poida afectar a capacidade para unha condución segura. O cannabis e a cocaína son as dúas sustancias que máis se detectan nos controis.