A Policía Local realizou controis do uso do cinto en máis de 2.600 vehículos
A Policía Local, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, realizou durante a pasada semana unha campaña especial de vixilancia do uso do cinto de seguridade entre os/as ocupantes dos vehículos, con especial atención aos sistemas de retención infantil. Durante sete días, os/as axentes inspeccionaron máis de 2.600 vehículos, co obxectivo, segundo a Policía Local, de "concienciar da importancia do uso do cinto como un elemento de seguridade viaria cuxo uso reduce á metade o risco de morte en accidente".
En total, oi comprobado o uso do cinto por 6.607 condutores/as de turismos, dos cales un 99,66% levaban o dispositivo correctamente abrochado. Tamén se controlaron 35 taxis e 36 autobuses, cuxos condutores/as facían uso correcto do cinto en todos os casos. Tamén os condutores/as de vehículos de mercadorías inspeccionados/as cumprían coa normativa.
En canto aos pasaxeiros/as de vehículos no asento dianteiro, dos 1.472 controlados, 25 non o levaban posto, mentres que, 78 dos 79 pasaxeiros/as inspeccionados nos asentos traseiros si facían un uso correcto do cinto de seguridade.
Sistemas de retención infantil
Tamén se controlou o emprego dos sistemas de retención infantil e, neste caso, detectouse o caso dun neno que non levaba o dispositivo requirido. A Policía Local lembra aos pais e nais que son responsables da seguridade dos seus fillos e fillas e deles depende que viaxen nos vehículos de forma segura.
Día Europeo sen vítimas mortais en estradas
A Policía Local tamén se quixo sumar onte mércores á celebración do Día Europeo sen vítimas mortais en estradas, facendo un novo chamamento ao cumprimento das normas viarias. Nesta xornada unicamente houbo que lamentar un sinistro cun ferido leve.