Novas

Inicio » Novas » O Concello segue apostando pola educación viaria nos colexios composteláns

O Concello segue apostando pola educación viaria nos colexios composteláns

01/10/2016

O concelleiro de Medio Ambiente e Mobilidade, Xan Duro, e responsables da Policía Local celebraron unha xuntanza con directores e profesorado dunha vintena de colexios composteláns, co obxectivo de presentarlles o equipo de Educación Viaria do corpo municipal e seguir avanzando na consolidación das súas actividades.



Na reunión, a responsable do grupo de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, explicoulle ao persoal docente o funcionamento do programa Móvete seguro con Moito Olliño, e incidiu na importancia do programa Colecamiños, que funciona con éxito nos colexios Pío XII e Raíña Fabiola e que o Concello aspira a ir estendendo a novos centros escolares de educación infantil e primaria.

Ademais, a Policía Local aproveitou para dar conta doutras iniciativas nas que colabora, coma o proxecto da Universidade da Coruña Geomove. Trátase dun traballo de investigación da mobilidade escolar que a UdC desenvolve en colaboración coa DXT, e que precisa da participación dos colexios. Tamén se lles informou a directores e profesores do Plan Proxecta da Xunta, que incentiva ao persoal docente a levar a cabo actividades relacionadas coa seguridade viaria.

Tanto o concelleiro Xan Duro coma os responsables da Policía Local fan un balance moi positivo da reunión, que tamén serviu para recoller as inquietudes e opinións da comunidade escolar.

Na reunión estiveron representados os CEIPs Apóstolo Santiago, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Quiroga Palacios, Raiña Fabiola, Ramón Cabanillas, Roxos, e Vite. Tamén participaron os CPRs Milagrosa, Compañía de María, Divino Maestro, Nosa Señora dos Remedios, San Paio, Cluny, Vilas Alborada e Juventud.







Compartir: