Novas

Inicio » Novas » A Policía Local inicia a campaña de educación viaria "Maiores + Seguros"

A Policía Local inicia a campaña de educación viaria "Maiores + Seguros"

21/11/2016

A Policía Local pon en marcha unha campaña de educación viaria dirixida a persoas maiores, que ten como obxectivo que reflexionen sobre as claves fundamentais dos seus problemas de tráfico. Baixo o lema de "Maiores + Seguros" haberá charlas ao longo de todo o mes de novembro nos distintos centros socioculturais da cidade.



O Departamento de Educación Viaria da Policía Local, que coordina Diana Parente, quere que as persoas de máis idade teñan un papel activo na prevención dos accidentes nos que se poden ver implicadas. Para iso, nas charlas falarase das limitacións físicas que van xurdindo cos anos e que afectan tanto no papel de peón como no de condutor ou condutora, e daranse as claves para ter unhas condutas máis seguras. Tamén se abordarán os efectos que poden ter sobre a condución determinados medicamentos e daranse unhas nocións básicas sobre o uso correcto dos sistemas de retención infantil, dada conta de que moitas persoas maiores teñen a responsabilidade de trasladar aos seus netos e netas.

A campaña "Maiores + Seguros" comezará mañá, 22 de novembro, no Centro Sociocultural de Vite, cunha charla a partir das 18:00 horas. O 23 de novembro será a quenda do CSC de Santa Marta, ás 10:00 horas; e o 24 de novembro a campaña da Policía Local chegará ao Centro Sociocomunitario de Porta do Camiño, ás 16:30 horas. Xa no 29 de novembro, está prevista unha charla no Centro Sociocultural de Fontiñas ás 18:00 horas; o 30 de novembro será no CSC do Ensanche ás 10:30 horas, e o 1 de decembro pecharase a actividade cunha charla no CSC de Conxo ás 18:30 horas. A participación é de balde e os asistentes recibirán un chaleco reflectante como agasallo.

As persoas maiores, máis risco de atropelos
Dende xaneiro de 2014 ata o 31 de outubro de 2016, en Santiago rexistráronse 96 atropelos. 46 das vítimas tiñan máis de 61 anos e delas, 32 resultaron feridas leves e 14 feridas graves.

En 2015, o 11,54% dos peóns atropelados tiñan entre 61 e 70 anos, e unha porcentaxe idéntica superaba os 70 anos. Ata o 31 de outubro de 2016, o 11,4% das persoas atropeladas tiña entre 61e 70 anos, e o 17,14% superaba os 70 anos.







Compartir: