Novas

Inicio » Novas » A Policía Local realiza prácticas de autonomía urbana e educación viaria con Down Compostela

A Policía Local realiza prácticas de autonomía urbana e educación viaria con Down Compostela

24/11/2016

O Departamento de Educación Viaria da Policía Local realizará mañá unha xornada de prácticas de autonomía urbana e educación viaria en colaboración con Down Compostela. Na actividade participarán preto de 40 usuarios e usuarias da área de vida adulta da Fundación.



A actividade dálle continuidade ao programa de educación viaria que xa ten desenvolvida a súa parte teórica en Down Compostela, co obxectivo de que os seus usuarios e usuarias gañen en autonomía e se movan pola cidade dun xeito máis seguro.

Os participantes estarán divididos en tres grupos, e irán sempre acompañados por persoal da Fundación e do Departamento de Educación Viaria da Policía Local. O primeiro grupo fará un percorrido camiñando dende a sede da Fundación ata a zona histórica de Santiago; o segundo irá en autobús dende a avenida de Ferrol ata Fontiñas; e o terceiro irán andando ata a praza de Galicia, para coller alí un autobús de volta á Fundación.

Os participantes no programa impulsado polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local traballan sobre as normas básicas que deben cumprir peóns e usuarios de vehículos, familiarízanse cos sinais de tráfico e adquiren hábitos de comportamento seguros. Tanto nas clases teóricas como na parte práctica abórdanse cuestións como o xeito adecuado de moverse pola beirarrúa, que facer nas saídas de garaxe ou como utilizar os transportes públicos.







Compartir: