Oitocentos rapaces e rapazas pasarán polo parque infantil de tráfico instalado en Amio
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia visitou hoxe o recinto feiral de Amio, onde se está a celebrar unha nova edición do parque infantil de tráfico que organiza a Policía Local dentro do programa de seguridade viaria Móvete seguro con Moito Olliño.
Dende o pasado luns ata o 17 de febreiro, polas instalacións pasará o alumnado de 20 colexios de Compostela, fundamentalmente de 6º de Primaria, uns 800 nenos e nenas en total. Xan Duro lembrou que "o parque infantil de tráfico é unha iniciativa xa consolidada que cada ano conta con máis asistentes e que ten como obxectivo formar peóns e futuros condutores responsables".
Nesta edición, o parque infantil de tráfico desenvólvese cun módulo práctico e cun módulo teórico na mesma xornada. Na primeira parte, os rapaces e rapazas familiarízanse cos sinais de tráfico, coas normas de circulación e coas prácticas seguras como peóns; e na segunda parte poñen en práctica eses coñecementos nun espazo que reproduce situación que se poden atopar na rúa. Os nenos e nenas teñen que poñerse no papel de condutores, ciclistas ou peóns, e tamén exercer de controladores do tráfico para vixiar que os seus compañeiros e compañeiras respecten os semáforos, os sinais e os pasos de peóns.
A rapazada que nestes días pasa por Amio tamén pode participar nun obradoiro teórico-práctico sobre bicicleta, onde se lles ensina cal debe ser a posición correcta para ir en bicicleta, calcular o tamaño axeitado á súa altura ou como colocar o casco.
O parque infantil de tráfico permanecerá en Amio ata o 17 de febreiro, e o próximo día 30 celebrarase unha xornada de portas abertas.