Novas

Inicio » Novas » A maior concienciación social provoca un aumento do número de denuncias por violencia machista

A maior concienciación social provoca un aumento do número de denuncias por violencia machista

23/02/2017

O alcalde, Martiño Noriega, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiron esta mañá no Pazo de Raxoi unha reunión da Xunta Local de Seguridade, na que están representados os corpos e institucións que interveñen na seguridade cidadá no municipio de Santiago. O punto máis importante da orde do día era a avaliación do funcionamento dos mecanismos de control en relación á violencia de xénero.



O subdelegado do Goberno na Coruña explicou que, no que levamos de 2017 "duplicouse o número de denuncias por violencia machista, que pasaron das 9 rexistradas a estas alturas de 2016 ás 19 contabilizadas este ano". Jorge Atán explicou que "non se considera que este aumento non responde a que haxa máis actuacións delictivas, senón a unha maior concienciación social".

Na mesma liña, o alcalde, Martiño Noriega, salientou a importancia de que "se rompa a barreira invisible que moitas veces impide que as denuncias por violencia machista se materialicen". O rexedor explicou que a Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe serviu para designar os representantes na Mesa local de coordinación institucional contra a violencia machista, que ten como obxectivo "unir esforzos e corresponsabilizar a todas institucións sobre unha situación que non é aceptable e que nos ten a todos terriblemente indignados".

Índices de criminalidade
Na reunión celebrada esta mañá tamén se analizaron os datos que ven de facer públicos o Ministerio do Interior sobre as infraccións penais rexistradas en 2016. No caso de Santiago contabilizáronse un total de 3.542, un 0,4% menos que en 2015. O subdelegado do Goberno na Coruña salientou que "as cifras rexistradas na capital galega son moi razoables, como tamén están sendo bos os datos do que levamos de ano, a excepción do que ten que ver coa violencia machista".
De feito, tal e como destacou o alcalde, "o índice de criminalidade rexistrado en 2016 foi do 36,9, o máis baixao dende 2005". Martiño Noriega tamén destacou que o número de vítimas dos accidentes de tráfico baixou un 15% respecto a 2015, "se ben temos que lamentar unha vítima mortal, que non se rexistrara nos dous anos anteriores".

Datos da Policía Local
Segundo os datos analizados na Xunta Local de Seguridade, ao longo do ano 2016, a Policía Local remitiu ao xulgado un total de 361 atestados, un 5% menos que en 2015. O número de detencións medrou un 20%, pasando das 124 de 2015 ás 149 do ano pasado.

As dilixencias máis frecuentes foron os delitos contra o patrimonio, con 51 casos (12 menos que en 2015), seguidos polos danos contra a propiedade, con 37 atestados, e as pelexas na vía pública, con 36. O ano pasado rexistráronse 17 delitos e faltas de lesións, fronte ás 9 de 2015, e 21 casos de violencia de xénero, catro máis que un ano antes. Pola contra, baixa o número de atestados por pintadas, que pasou dos 8 de 2015 a só un en 2016.

A Policía Local tramitou o ano pasado 232 denuncias por ouriñar na vía pública, fronte ás 282 do 2015; e 47 por cantar na rúa, dez máis que un ano antes; e 56 por consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, un 24% menos que en 2015.

O número de denuncias por ruídos e festas estudantís en pisos mantense practicamente estable: 442 en 2016 e 447 en 2015; mentres que as denuncias por incumprimento de horario de peche dos establecementos de hostalería pasou de 34 en 2015 a 27 o ano pasado.

Atestados
En canto aos accidentes de tráfico, no ano 2016 instruíronse 707 atestados, fronte aos 600 de 2015. Iso supón un incremento do 17,83%, se ben o número de vítimas deses sinistros baixou un 15,34%, ata quedar en 182. Delas, 158 foron feridos leves, 23 feridos graves, e un falecido. Esta morte é a primeira que se produce en accidentes de tráfico en Compostela dende o ano 2013.

En canto aos delitos contra a seguridade viaria, a Policía Local instruíu 95 delitos, fronte aos 118 do ano 2015. É un descenso de case o 19,5%.

O ano pasado tamén descenderon o número de alcoholemias rexistradas en Santiago: 73, fronte ás 95 de 2015. Vinte deses positivos están relacionados con accidentes de tráfico. A Policía Local non detectou ningún positivo por drogas de carácter penal en todo o ano 2016.

Baixou tamén o número de detencións practicadas pola sección de atestados: 94 en 2016, fronte ás 116 de 2015.







Compartir: