Novas

Inicio » Novas » O alumnado do Colexio Raíña Fabiola reclama melloras de seguridade viaria nun pleno infantil presidido polo alcalde

O alumnado do Colexio Raíña Fabiola reclama melloras de seguridade viaria nun pleno infantil presidido polo alcalde

06/03/2017

O Salón de Plenos do Concello de Santiago acolleu esta mañá unha sesión moi especial, na que foron protagonistas os alumnos e alumnas do CEIP Raíña Fabiola. Foi unha iniciativa organizada polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local, no marco do programa Colecamiños.



A sesión estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, que invitou os rapaces e rapazas a "exerceren de activistas da seguridade viaria, para que as súas nais e pais teñan un comportamento máis cívico e responsable". Tamén agradeceu as propostas que fixo o alumnado "porque facilita o empeño do Goberno de ver a cidade a través dos ollos dos nenos e nenas".

Máis dun ano de Camiños Escolares Seguros
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, foi o encargado de darlle a benvida ao alumnado do Raíña Fabiola, lembrando a boa acollida que está a ter a iniciativa do Colecamiños. O edil explicou que o programa está permitindo que "os nenos e nenas sexan máis conscientes dos espazos nos que viven, e que analicen as posibilidades para melloralos". Pola súa parte, Lucas, o alumno que falou no nome de toda a comunidade educativa do CEIP, loubou o programa dos camiños escolares seguros e asegurou que os nenos e nenas que participan nel "están máis unidos, aprenden a ser autónomos, chegan máis espertos e máis activos á escola, e por riba chegan máis puntuais".

Ducias de peticións
O pleno desta mañá serviu para que o alumnado do CEIP Raíña Fabiola lle propuxera ao Goberno algunhas medidas para mellorar a seguridade viaria no contorno do seu centro. Entre outras solicitudes, os rapaces e rapazas pediron a instalación dunha varanda á altura da parada do autobús escolar na rúa Salvador Allende, melloras na beirarrúa en Santa Isabel ou a unión das dúas entradas do colexio na zona de Salvador Allende, eliminando tres prazas de aparcamento.

Tamén reclamaron melloras no parque de Galeras, o acondicionamento dun carril bici nesta zona, e a instalación de aparcabicis ás portas do centro escolar. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia comprometeuse a estudar todas as peticións, e a atender a aquelas nas que sexa posible facelo.
Ao pleno infantil cos rapaces e rapazas do CEIP Raíña Fabiola tamén asistiron o xefe da Policía Local, José Manuel Traba; a responsable do programa de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; o voceiro municipal do PP, Agustín Hernández; e o concelleiro socialista Gonzalo Muíños.







Compartir: