Novas

Inicio » Novas » A Policía Local colabora coa DXT na Campaña de control do cinto de seguridade

A Policía Local colabora coa DXT na Campaña de control do cinto de seguridade

09/03/2017

A Policía Local volve colaborar coa Dirección Xeral de Tráfico nunha das súas campañas e operacións de vixilancia e control. Desta vez, vixiarase o cumprimento da normativa relacionada co uso do cinto de seguridade e cos sistemas de retención infantil, nunha campaña que se desenvolverá entre os días 13 e 19 de marzo.



A DXT lembra que o uso do cinto de seguridade se ven incrementando, pero lamenta que aínda se produzan algunhas lagoas, malia a facilidade do seu uso e a súa eficacia. O cinto reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. En canto aos Sistemas de Retención Infantil, un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 da Dirección Xeral de Tráfico é que ningún neno perda a vida nun accidente por non ir correctamente sentado nunha cadeira axeitada para o seu peso e talle.

Resultados da pasada campaña
Na última campaña de control do uso do cinto de seguridade, hai un ano, a Policía Local controlou a un total de 1.467 condutores de vehículos, dos que o 99,45% levaba correctamente abrochado o cinto. Entre o colectivo de taxistas, esa porcentaxe baixaba ao 94,26% (foran controlados 70 condutores), e nos 23 autobuses vixiados levaba ben posto o cinto o 95,6% dos condutores. No que respecta aos vehículos destinados ao transporte de mercadorías, todos os condutores controlados que non estaban exentos de utilizar o cinto cumprían coa normativa.

A Policía Local tamén controlou a 180 pasaxeiros de vehículos. Entre os que viaxaban no asento dianteiro, levaba o cinto o 99,4 %, mentres que a porcentaxe baixaba ao 97,20 % no caso dos viaxeiros dos asentos traseiros.
En canto aos sistemas de retención infantil, en todos os casos se cumprían as normas de seguridade.







Compartir: