O Departamento de Educación Viaria da Policía Local convoca un concurso de debuxo para escolares
O Departamento de Educación Viaria da Policía Local ten en marcha unha nova iniciativa dirixida a alumnado de cuarto de Primaria que teña participado nos camiños escolares seguros e nos cursos de educación viaria impartidos polo propio corpo. Trátase dun concurso de debuxo, encamiñado a crear unha nova campaña de sensibilización.
Para participar no concurso é preciso presentar un debuxo cun título que forme parte da propia composición e que teña relación coa campaña de seguridade viaria impulsada dende o Concello ao longo deste curso escolar. Cada participante só poderá presentar un debuxo e outorgaranse catro premios. Os gañadores recibirán como agasallo unha bicicleta co seu correspondente casco. As súas creacións poderán ser utilizadas polo Concello en futuras actividades relacionadas coa educación viaria.
Prazos
O prazo para entregar os debuxos para o concurso finaliza o 21 de maio. Antes, co límite do 10 de maio, os interesados deberán inscribirse para participar. Farano a través do profesorado responsable das aulas, enviando un correo ao enderezo electrónico educacionviariaencompostela@gmail.com no que se indique centro educativo, clase, e persoa de contacto.
A decisión do xurado coñecerase ao longo da semana do 29 de maio, e os premios entregaranse o 5 de xuño, no transcurso da Gala pola Seguridade Viaria que se celebrará no Auditorio de Galicia.