O programa de Educación Viaria da Policía Local chega ao alumnado de Bacharelato
O Departamento de Educación Viaria da Policía Local vén de levar o seu plan formativo, por primeira vez, ás aulas de primeiro curso de Bacharelato. Case 500 alumnos/as participaron nestas actividades, que se desenvolveron dende o 19 de abril ata o 18 de maio.
A Policía Local decidiu levar o seu plan formativo ao alumnado de Bacharelato despois do espectáculo Road Show, que se desenvolveu ao remate do pasado curso escolar, e que deixara un grande impacto entre os mozos e mozas. As actividades, baixo o lema "Ti controlas, ti decides", tratan de mostrarlles aos rapaces e rapazas a importancia do respecto e tolerancia cos demais usuarios e condutores da vía, así como dos perigos que supón non respectar as normas. Tamén se abordan os efectos do alcohol e das drogas na condución.
No marco desta campaña, os alumnos e alumnas participaron na creación dunha historia a través da técnica role playing, na que se converten en protagonistas dun accidente de tráfico no que teñen que socorrer aos seus irmáns. Os rapaces e rapazas tamén puideron comprobar cales son os efectos do alcohol na condución, a través dunhas gafas que simulan visualmente esa sintomatoloxía.
Ademais, o Departamento de Educación Viaria da Policía Local tratou de concienciar ao alumnado da importancia do uso do casco cando se viaxa en bicicleta ou en moto, e animouno a reflexionar sobre a conveniencia de usar medios de transporte alternativos para coidar o medio ambiente.