Novas

Inicio » Novas » A Policía Local inicia unha campaña informativa sobre o uso correcto dos sistemas de retención infantil

A Policía Local inicia unha campaña informativa sobre o uso correcto dos sistemas de retención infantil

26/05/2017

O Departamento de Seguridade Viaria da Policía Local pon en marcha unha nova campaña de concienciación, desta vez para informar do uso correcto dos Sistemas de Retención Infantil. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "aínda que a inmensa maioría das nais e pais utilizan as cadeiras específicas para levar aos seus fillos e fillas nos vehículos, aínda son moitos os que non as usan do xeito máis acaído" . Na presentación da campaña, o edil estivo acompañado por Diana Parente, oficial da Policía Local que está á fronte do Departamento de Seguridade Viaria.



Diana Parente lembrou que a Policía Local leva meses organizando charlas sobre os sistemas de retención infantil, pero agora "dá un paso máis e pon en marcha unha campaña que se desenvolverá na propia rúa dende o 29 de maio e ao longo de dúas semanas". O obxectivo é "concienciar á cidadanía da importancia de usar de xeito correcto as cadeiras para as crianzas, e só haberá sancións no caso de que non se utilice ningún sistema de retención". A campaña levarase a cabo, fundamentalmente, nas proximidades das escolas infantís e dos centros de Primaria, "porque o seu alumnado aínda ten que utilizar cadeiras específicas para viaxar en coche".

Charlas informativas
Ademais, a Policía Local ten programadas catro novas charlas informativas sobre os sistemas de retención infantil. Dúas delas serán no CHUS, o día 14 de xuño a partir das cinco da tarde, e o 15 de xuño ás once da mañá. Están pensadas para as futuras nais, e por iso a inscrición pódese facer coas propias matronas do Sergas. As outras dúas charlas serán no Centro Sociocultural do Ensanche, o 16 de xuño ás 17:30 horas, e o 17 de xuño ás 11:00 horas. A inscrición pódese facer a través do teléfono 981 543 001 ou no enderezo electrónico educacionvial@santiagodecompostela.gal.

Unha normativa en evolución
Durante a presentación desta campaña, a oficial da Policía Local explicou que a normativa que atinxe aos sistemas de retención infantil "está en continua evolución, e de aí que os consellos que se lles dan ás nais e pais vaian variando". Diana Parente sinalou que a actual norma ECE-R44 deixará de ser de aplicación nos próximos anos, e só se permitirá o uso de cadeiras homologadas de acordo coa normativa I-SIZE, en vigor desde 2013.

A principal novidade será que os nenos e nenas de menos de 15 meses deberán ir sempre sentados a contramarcha, se ben "é recomendable que sigan viaxando nesa posición cando menos ata os catro anos". Nese sentido, a oficial da Policía Local lembrou que "unha cousa é o que sexa sancionable dende o punto de vista normativo, e outra o que sexa máis recomendable para garantir a seguridade dos nenos e nenas". Parente apuntou que "está demostrado que as cadeiras a contramarcha reducen as lesións graves nun 80% respecto as colocadas no sentido da marcha.



Descargas





Compartir: