Novas

Inicio » Novas » Uns 500 nenos e nenas participarán o 5 de xuño na I Gala pola Seguridade Viaria

Uns 500 nenos e nenas participarán o 5 de xuño na I Gala pola Seguridade Viaria

30/05/2017

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a oficial Diana Parente, responsable do Departamento de Educación Viaria da Policía Local, presentaron a I Gala pola Seguridade Viaria, que se celebrará o luns 5 de xuño ás 10:30 horas, no Auditorio de Galicia. Participarán uns 500 rapaces e rapazas de 4º de Primaria e haberá humor, improvisacións escénicas, premios e a entrega de diplomas pola participación nas actividades formativas sobre seguridade viaria impartidas pola Policía Local.



Con esta Gala péchase dun xeito lúdico un programa de formación en seguridade viaria polo que participaron 1.078 escolares de 4º de Primaria. Ademais, faise coincidir o evento coa semana na que se celebra o Día Mundial da Seguridade Viaria (10 de xuño).

O espectáculo será conducido por Teatro Ghazafelhos. As súas intervencións humorísticas serán o fío condutor dunha gala na que non faltará Moito Olliño, a mascota dos programas de seguridade viaria da Policía Local, que interactuará co público e cos convidados/as.

Outro dos puntos fortes do evento serán as improvisacións escénicas de Lucecús Teatro, que representarán varias accións relacionadas coa seguridade viaria. Sobre esta materia, os nenos e nenas asistentes ao espectáculo, recibirán os seus diplomas pola participación nas accións formativas impartidas polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local.

Premios
A Gala será tamén o marco no que reciban as súas bicicletas e cascos os catro gañadores/as do concurso de debuxo convocado pola Policía Local para elixir os lemas dunha campaña que se porá en marcha proximamente. De entre todos os debuxos, o xurado elixirá tres dos gañadores/as. O cuarto traballo será elixido por votación popular a través da páxina en Facebook do Departamento de Educación Viaria da Policía Local.







Compartir: