A Policía Local colabora coa campaña de control de alcoholemia e drogas da DXT
A Policía Local de Compostela vai colaborar coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas que se vai desenvolver en todo o Estado do 5 ao 11 de xuño.
Segundo datos do Observatorio Europeo para a Seguridade Viaria, ao redor do 25% das mortes en estrada en toda Europa están relacionadas co consumo de alcohol. Por iso, un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 é baixar do 1% os positivos rexistrados nos controis preventivos aleatorios.
Na anterior campaña de control da alcoholemia na que colaborou a Policía Local, en decembro de 2016, realizáronse 860 controis e o 1,63% deron positivo. Tamén se realizaran 29 probas de consumo de drogas, das que catro foran positivas.
Riscos e sancións
A Policía Local lembra que o exercicio da condución se ten que realizar sempre nas mellores condicións, para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.
Conducir cunha taxa de alcohol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se entende que o consumo lle ten afectado á condución.