Novas

Inicio » Novas » O 98% dos vehículos controlados pola Policía Local de Santiago circulaba en boas condicións técnicas

O 98% dos vehículos controlados pola Policía Local de Santiago circulaba en boas condicións técnicas

27/07/2017

A Policía Local controlou 792 vehículos durante a campaña de vixilancia e control das condicións do vehículo, impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico, e só 16 tiveron que ser denunciados. Esa cifra equivale ao 1,98%, fronte ao 8% que se rexistrara na campaña do ano pasado.



A campaña especial de vixilancia e control levouse a cabo entre o 17 e o 23 de xullo. Dos 16 condutores propostos para sanción, nove fórono por cuestións relativas á documentación do vehículo (sete deles en relación á ITV e dous ao seguro), un polo mal estado dos pneumáticos e os seis restantes por outros motivos.

Mellores resultados que en 2016
Na campaña do ano pasado foran controlados 421 vehículos e 34 condutores foran propostos para sanción. Por iso, os resultados dos controis deste ano son moito máis satisfactorios.

Segundo a DXT, a antigüidade do vehículo supón un importante factor de risco. De feito, as posibilidades de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche de 10 a 15 anos de antigüidade duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. Por iso, é fundamental un adecuado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade.







Compartir: