Novas

Inicio » Novas » O Colecamiños do CEIP Ramón Cabanillas bota a andar coa participación de máis de 30 nenos e nenas

O Colecamiños do CEIP Ramón Cabanillas bota a andar coa participación de máis de 30 nenos e nenas

25/09/2017

O proxecto de Camiño Escolar Seguro, Colecamiños, chegou hoxe ao CEIP Ramón Cabanillas do Castiñeiriño, coa participación de máis de 30 nenos e nenas. Despois de varias xuntanzas informativas e de facer probas nas propias rutas o pasado venres, hoxe foi a primeira xornada de funcionamento normalizado nos tres itinerarios deseñados para o centro. Tanto as nais e pais como o alumnado mostraron unha grande ilusión por participar no proxecto, que xa funciona con éxito nos colexios Pío XII e Raíña Fabiola.



Para o CEIP Ramón Cabanillas, o Departamento de Educación Viaria da Policía Local deseñou tres rutas distintas nas que poden participar os nenos e nenas en función do seu lugar de residencia. O percorrido máis curto, de 350 metros, ten o seu punto de encontro na rúa de Souto Paz; a segunda ruta proposta parte de Amor Ruibal, pasando pola praza de León, nun tramo de 650 metros; e o terceiro dos itinerarios, de 900 metros, ten o punto de encontro fixado en Sar e discorre polas Brañas de Sar. Polo de agora, o primeiro dos itinerarios é o que conta con máis participantes, con 17.

Nestes primeiros días de funcionamento do Colecamiños serán os propios policías locais os que acompañen os nenos e nenas, para mostrarlles o comportamento máis seguro á hora de utilizaren a vía pública. Ademais, os axentes manterán as charlas informativas diarias coas familias, para que coñezan polo miúdo o funcionamento dos camiños escolares seguros.

Grande implicación da comunidade educativa e veciñal
A posta en marcha do Colecamiños no CEIP Ramón Cabanillas foi posible grazas á implicación tanto da comunidade educativa como dos colectivos veciñais dos barrios afectados. O traballo para a aplicación do proxecto no centro comezou xa no curso pasado, con numerosas xuntanzas nas que participaron tanto o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, como os membros do Departamento de Educación Viaria da Policía Local. As asociacións de veciños, a ANPA do Centro e outros centros educativos da contorna colaboraron activamente no deseño das diferentes rutas alternativas.







Compartir: