Novas

Inicio » Novas » "Ti controlas. Ti decides", unha rodaxe de cine para previr o consumo de alcohol entre a mocidade

"Ti controlas. Ti decides", unha rodaxe de cine para previr o consumo de alcohol entre a mocidade

21/11/2017

Un coche volcado, tres rapaces feridos de diversa gravidade e numerosos medios de emerxencia traballando baixo a chuvia por salvar as súas vidas. Esta, que pode ser a instantánea dunha fatídica noite de excesos, será o realista escenario sobre o que mañá terá lugar a rodaxe do videoclip central da campaña "Ti controlas. Ti decides". Nela, a Policía Local de Santiago de Compostela procura conseguir que a xuventude sexa consciente, nunha linguaxe próxima e impactante, dos perigos da condución asociada ao consumo de alcohol e outras sustancias.



O dispositivo desenvolverase no Polígono de Costa Vella en Santiago de Compostela na noite do mércores 22 ao xoves 23. Dotacións de Bombeiros, Policía Local, Protección Civil e 061 traballarán baixo a chuvia e os focos para amosar a efectividade e o dramatismo do seu complexo traballo diario. A Policía Local colabora tamén nesta campaña coa Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Os actores protagonistas e diversos membros do equipo proceden deste centro universitario, co que se inicia un proceso de traballo conxunto para mellorar a efectividade deste tipo de propostas de sensibilización dirixidas á xente nova.

Videoclip cinematográfico
As ausencias. Os lugares baleiros e as persoas que nunca chegan ao seu destino. As vidas rotas. Estes son os eixos do tema "12.35", da cantautora pontevedresa Noemia Gonçalvez, que con 19 anos vén de gañar o Certame de Música Galega da USC. Unha banda sonora delicada e emotiva que collerá forma baixo a dirección do realizador ourensán Simón Vázquez. Outros dous nomes destacan tamén no equipo de imaxe. Dunha banda, a directora de fotografía Lucía Catoira Pan, responsable dos filmes Dhogs ou Trote, entre outros, un dos talentos máis destacados da iluminación cinematográfica actual en Galicia. Doutra banda, a dirección de arte correrá a cargo do naronés Antonio Calvo, un dos estilistas máis prestixiosos de España, con catro premios Fígaro ás súas costas.

Campaña de sensibilización
O soporte audiovisual resultante formará parte dun proxecto de sensibilización e concienciación co obxectivo de que os condutores novos non combinen alcohol e volante. Este contido educativo e didáctico será empregado en charlas divulgativas de seguridade viaria dirixidas a alumnado de Bacharelato ao longo do 2018. Ademais, a rodaxe do simulacro permitirá avaliar a capacitación do persoal involucrado na emerxencia, así como poñer en valor a coordinación e atención prestada polos distintos servizos de emerxencia participantes. Trátase en definitiva, de proxectar unha imaxe operativa da situación ao tempo que se comunican os riscos dos malos hábitos ao volante.







Compartir: