Novas

Inicio » Novas » A Policía Local fai un chamamento a condutores e condutoras para evitar as distraccións ao volante

A Policía Local fai un chamamento a condutores e condutoras para evitar as distraccións ao volante

20/12/2017

A Policía Local de Santiago fai un chamamento aos condutores e condutoras para que eviten as distraccións ao volante, que cada vez causan máis accidentes de tráfico. No que levamos de ano, rexistráronse 632 denuncias por distraccións, e en 2016 foran 707. Falamos, ademais, de infraccións graves, que implican unha sanción de 200 euros, e a perda de 3 puntos do carné.



Considérase que se produce unha distracción na condución cando algún suceso, actividade, obxecto ou persoa, dentro ou fóra do vehículo, captan a atención do condutor e desvíana da tarefa de conducir. Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, acender un cigarro, axustar a radio ou o reprodutor de CD mentres se conduce supón apartar a vista da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen control e no poden xurdir circunstancias que provoquen un grave accidente. Canto maior é a velocidade do vehículo, menor marxe de reacción ten a persoa que conduce e maiores son os riscos. Os tipos de accidente máis frecuentes debido á distracción son a saída da vía, o choque con vehículo precedente ou o atropelo.

Maior velocidade, maiores riscos
Segundo se constata en varios estudos, a unha velocidade de 120 quilómetros/hora, nun segundo percórrense 34 metros, mentres que a 60 Km/h, no mesmo tempo, percórrense 17 metros. Estes datos e o tempo necesario para realizar determinadas tarefas permiten calcular o espazo que circula o vehículo sen control. Así, a unha velocidade de 60 quilómetros/hora, prender un cigarro son 4 segundos e 68 metros percorridos; axustar a radio ou o CD, 6 segundos e 102 metros; responder unha chamada telefónica, 8 segundos e 136 metros; ou marcar un número de teléfono, 13 segundos e 221 metros percorridos.

Condución e teléfono móbil
O uso do móbil é un dos factores que máis ten medrado como causa de distraccións nos últimos anos, e multiplica por catro o risco de sufrir un accidente. É un risco equiparable á condución con exceso de alcohol. Un exemplo dos efectos desta práctica é que, tras un minuto e medio falando polo móbil (incluso con mans libres), déixase de percibir o 40% dos sinais. O uso do teléfono provoca tamén distraccións nos peóns, aumentando o risco de atropelo.







Compartir: