Novas

Inicio » Novas » A campaña "Ti controlas, ti decides" concienciará a máis de 700 escolares dos perigos do alcohol e das drogas ao volante

A campaña "Ti controlas, ti decides" concienciará a máis de 700 escolares dos perigos do alcohol e das drogas ao volante

09/01/2018

O Salón de Actos do IES Xelmírez I acolleu esta mañá o acto de presentación da campaña "Ti controlas, ti decides", impulsada pola Policía Local coa colaboración dos Bombeiros, Protección Civil e o 061. Contou coa participación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e nel, a Policía Local de Santiago procura conseguir que a mocidade sexa consciente, nunha linguaxe próxima e impactante, dos perigos da condución asociada ao consumo de alcohol e outras substancias.



O acto comezou coa proxección do vídeo sobre o que pivotará a campaña e que se levará a 8 institutos de todo o termo municipal, comezando o mércores 10 de xaneiro no Colexio La Salle. Posteriormente impartiranse no IES Antón Fraguas, Seminario Menor, IES Pontepedriña, IES de Sar, CEIP Lamas de Abade, Colexio Peleteiro e IES Xelmirez I. A campaña chegará así a máis de 700 escolares nesta primeira quenda. Tratarase dunha formación de dúas horas cun módulo máis teórico e outro modulo práctico cuxo traballo de reflexión partirá deste vídeo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deulle as grazas "a todo o equipo que participou na gravación do vídeo, tanto o equipo sanitario como os Bombeiros, Policía Local e Protección Civil". Xan Duro tamén se lembrou de "Pablo Fernández, Belén Puime e Beatriz Castro, que foron os alumnos e alumnas da Facultade de Comunicación que participaron no vídeo da man do seu profesor Gaspar Broullón".

Primeira causa de mortalidade
Pola súa banda, a responsable de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, quixo concienciar os alumnos e alumnas dos perigos de beber antes de coller o coche e, sobre todo, da "importancia de que animedes os vosos amigos e amigas a que non conduzan se están baixo os efectos de bebidas alcohólicas ou drogas". Parente apuntou tamén que a condución baixo a influencia do alcohol e as distraccións ao volante polo uso do móbil son dúas das principais causas de accidentes de tráfico e, estes, a principal causa de mortalidade entre a xente moza. "Neste vídeo, ademais de lembrar que hai que poñerse o cinto de seguridade ou que non se pode consumir alcohol e drogas se se conduce, apunta o risco das distraccións ao volante". Con todo, engadiu, "a conclusión final é que detrás das imprudencias ao volante hai vidas en xogo, non só a túa".

O Cabo Somoza relatou as experiencias persoais vividas como bombeiro en Compostela, "experiencias moi desagradables que quedan gravadas na retina para sempre". Recomendou aos escolares que, se saen pola noite e queren beber unhas copas, sexan quen de "poñer uns euros entre todos e todas para coller un taxi", un consello que tamén ofreceu Xabier, de Protección Civil, quen engadiu que "tedes que ser conscientes de que hai outros condutores na estrada e outras familias detrás deses condutores. Se se produce un accidente pode quedar nun susto ou converterse nunha desgraza".

No vídeo tamén participaron membros do 061 como Charo, quen sinalou que "as imaxes do vídeo non son unha película, senón unha realidade coa que temos que lidar no día a día vendo os choros das familias e das amizades das persoas que perden a vida en accidentes de tráfico".

Videoclip cinematográfico
As ausencias. Os lugares baleiros e as persoas que nunca chegan ao seu destino. As vidas rotas. Estes son os eixos do tema "12.35", da cantautora pontevedresa Noemia Gonçalvez, que con 19 anos vén de gañar o Certame de Música Galega da USC. Unha banda sonora delicada e emotiva que colle forma baixo a dirección do realizador ourensán Simón Vázquez e produción da empresa Imaxon.

Outros dos nomes destacan tamén no equipo de imaxe. Dunha banda, a directora de fotografía Lucía Catoira Pan, responsable dos filmes Dhogs ou Trote, entre outros, un dos talentos máis destacados da iluminación cinematográfica actual en Galicia. Doutra banda, a dirección de arte corre a cargo do naronés Antonio Calvo, un dos estilistas máis prestixiosos de España, con catro premios Fígaro ás súas costas.



Ligazóns





Compartir: