Novas

Inicio » Novas » A Policía Local de Santiago apela ao bo uso das tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

A Policía Local de Santiago apela ao bo uso das tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida

06/02/2018

A Policía Local vén de facer un chamamento a evitar o uso fraudulento das tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, ante o incremento das queixas recibidas ao respecto. Nos últimos meses tense detectada a existencia de condutores que utilizan as tarxetas de familiares, mesmo nalgúns casos de persoas xa falecidas.



A Policía Local está a recibir cada vez máis queixas polo mal uso das tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida que, tal e como sinala o Real Decreto que as regula, "son persoais e intransferibles e poden ser utilizadas unicamente cando a persoa titular conduza un vehículo ou sexa transportada nel". Malia iso, nos últimos meses téñense detectado casos de persoas que utilizan as tarxetas de familiares para aparcar nas prazas reservadas, se ben existen moitas dificultades para identificar aos infractores e infractoras, porque teñen que ser sorprendidos no momento de subir ou baixar do vehículo. Por ese motivo, a Policía Local ten previsto incrementar a vixilancia nas prazas de estacionamento para persoas con discapacidade.

En Santiago existen 310 prazas de estacionamento para persoas con discapacidades, de xeito que a cidade supera a ratio prevista na normativa. Aínda así, a Policía Local advirte que o mal uso das tarxetas de aparcamento xera dificultades ás persoas titulares, que realmente teñen dereito a utilizalas. Ao tempo, lembra que estacionar en zonas sinalizadas para uso exclusivo de persoas con mobilidade reducida pode supoñer sancións de 200 euros. Ademais, alterar a tarxeta pódese considerar falsidade documental, un delito castigado con penas de seis meses a tres anos de prisión e multa de seis a doce meses.







Compartir: