Novas

Inicio » Novas » A Policía Local fará controis no transporte escolar entre o 19 e o 23 de febreiro

A Policía Local fará controis no transporte escolar entre o 19 e o 23 de febreiro

16/02/2018

A Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha unha nova campaña de control do transporte escolar. No marco da mesma, a Policía Local realizará inspeccións entre o 19 e o 23 de febreiro, e o seu obxectivo é revisar que se cumpran os requisitos obrigatorios relativos ao transporte de menores en idade escolar, como o uso do cinto de seguridade, o acompañamento dunha persoa adulta autorizada ou a documentación actualizada do vehículo.



A campaña centrarase en tres puntos básicos. O primeiro é un control administrativo, revisando as autorizacións e documentos que deben ter os vehículos de transporte escolar. O segundo punto é a verificación das condicións técnicas, ademais dos elementos de seguridade do transporte. Por último, revisarase toda a documentación obrigatoria que debe levar o condutor , como é o permiso de condución regulamentario ou o cumprimento dos tempos da condución e de descanso. Os controis efectuaranse en estradas convencionais e vías urbanas.

Xunto cos puntos citados, tamén se prestará especial atención ao uso do cinto de seguridade por parte dos menores. Ademais, controlaranse os momentos de subida e descenso do transporte escolar, por seren os momentos en que existe unha maior incidencia de accidentes relativos á seguridade dos escolares. Avaliarase igualmente a velocidade dos vehículos, pois en vías urbanas non deben pasar dos 50 km/h.

Xunto aos controis dos vehículos escolares, a Policía Local tamén controlará os camiños pedestres que son utilizados como rutas escolares. A sinalización axeitada, a observación do tráfico por parte dos escolares e adultos que os acompañen e a observación das normas que afectan aos peóns son esenciais para a seguridade do alumnado durante os traxectos de ida e volta dende os centros escolares.







Compartir: