A Policía Local de Santiago fórmase en lingua de signos
A Policía Local de Santiago vén de iniciar a súa formación en lingua de signos, en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC). O curso comezou onte e permitirá que os e as axentes adquiran unha competencia básica, sobre todo en terminoloxía asociada á súa profesión.
O curso está sendo impartido por un especialista en lingua de signos, traballador da Asociación de Persoas Xordas, e ten unha duración de 30 horas. Os e as axentes da Policía Local de Santiago aprenderán, sobre todo, terminoloxía relacionada coas súas funcións, e tamén pautas de comportamento coas persoas xordas que moitas veces son descoñecidas para a maioría da sociedade. Deste xeito, preténdese igualar a situación social das persoas xordas co resto da cidadanía, eliminando as barreiras comunicativas que lles impiden acceder a determinados servizos nas mesmas condicións que os demais veciños e veciñas.