Máis de 200 escolares de catro colexios participan na I Marcha Ciclista Escolar
As rúas de Compostela enchéronse na mañá de hoxe de centos de alumnos e alumnas de catro colexios da cidade, que participaron coas súas bicicletas na I Marcha Ciclista Escolar. Organizada polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local, o obxectivo da iniciativa é que os nenos e nenas poñan en práctica o aprendido no parque infantil de tráfico, así como promover o uso da bicicleta como medio de transporte sustentable.
Nesta primeira edición participaron escolares de 5º e 6º de Primaria dos colexios López Ferreiro, Raíña Fabiola, Vite e Pío XII. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiunos na praza do Obradoiro, onde chegaron arredor das 12:00 horas tras un percorrido que saíra ás 10:15 horas da avenida Xoán XXIII.
Os rapaces e rapazas pasaron despois por Burgo das Nacións, Ricardo Carvalho Calero, Pelamios, Morón, Galeras, Salvador Allende, Entregaleras, Campo das Hortas, Poza de Bar, San Lourenzo, Xosé María Suárez Núñez, Lope Gómez de Marzoa, Ángel Jorge Echeverri, avenida de Vigo, Feáns, avenida da Coruña, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Campo da Estrela, Porta Faxeira, Campo de San Clemente, San Clemente, Trindade, Carretas, Costa de San Francisco e San Francisco, ata chegar ao Obradoiro. Neste punto fixeron unha pequena parada, para volver facer despois o itinerario no sentido contrario.
Mobilidade sustentable
Martiño Noriega salientou que "esta iniciativa, ademais de fomentar o transporte sustentable, ensina a que os nenos e as nenas aprendan a circular con seguridade en bicicleta". Ademais, a Marcha Ciclista Escolar pretende fomentar a práctica do exercicio físico e supón unha interesante xornada de convivencia entre nenos e nenas de diferentes centros escolares.
O percorrido estivo deseñado tendo en conta a localización destes colexios, de forma que os nenos e nenas se puideran ir incorporando progresivamente á marcha a medida que pasara polos seus centros.
A actividade estivo supervisada pola Policía Local, en coordinación coa agrupación compostelá de Protección Civil. Na I Marcha Ciclista Escolar colaboraron tamén o departamento de bicicletas de Decathlon e a Cruz Vermella.