Un simulacro de evacuación renova o Plan de Emerxencia das escolas infantís
A Rede Municipal de Escolas Infantís conta cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares. A Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños acolleu este mércores unha nova actividade relacionada coa mellora da seguridade dos escolares e dos profesionais do centro. Tratouse dun simulacro, necesario para saber como actuar ante unha situación de emerxencia. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu a este simulacro.
Na preparación e na execución dos simulacros nas escolas infantís participan de maneira coordinada a Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, Protección Civil, técnicos do Departamento de Educación, as profesionais das escolas infantís e o seu alumnado. Todos eles poñen en práctica un eficaz traballo de coordinación na implementación de protocolos de seguridade en equipamentos educativos para nenos e nenas de curta idade. Neste sentido, os simulacros de evacuación son un instrumento útil para os propios servizos de seguridade, xa que se traballan cuestións coma o traslado dos pequenos, dado que actúan con uniformes e equipamento con pesos entre 16 e 20 quilogramos.
Sobre o labor cos propios pequenos, no caso dos que andan, cómpre salientar que, entre outras habilidades, trabállase como actuar en situacións de perigo. Resulta prioritario que saiban recoñecer os sinais de emerxencia e que, ante estes, se agrupen e sigan as instrucións da profesora ou profesor, que será quen dirixa na práctica o operativo.
Ademais, este tipo de actuacións teñen por obxectivo a aproximación dos servizos de seguridade de Santiago aos composteláns e compostelás, promovendo hábitos saudables e de conducta cívica dende as idades máis temperás. Con esta perspectiva, ao remate de cada simulacro de evacuación desenvólvese en cada centro un parque infantil de tráfico dos servizos básicos de seguridade, no que novamente se aproximan medios, vehículos e persoal dos servizos participantes.