Comezan as probas para a cobertura de seis prazas de Policía Local
O Concello de Santiago iniciou este luns as probas selectivas para a contratación de seis policías locais mediante un proceso de oposición libre. O primeiro exame, de aptitude física, celébrase durante os días 17 e 18 de setembro mas instalacións da pista de atletismo da USC.
Para a cobertura das seis prazas están admitidas 132 persoas, que deberán realizar unha carreira de 50 metros lisos, proba de potencia do tren superior e inferior, proba de resistencia xeral e outra de natación. As persoas que superen as probas de carácter físico pasarán a seguinte fase de avaliación de coñecementos do temario especificado nas bases da convocatoria.
Con estas seis prazas, o Concello de Santiago saca a oposición todas aquelas prazas que a actual lexislación permite. Ademais destas será ofertada outra pola Xunta de Galicia, na convocatoria de proceso selectivo unitario, a que se acolleu o Concello de Santiago nun acordo do pleno da Corporación do mes de maio.
Toda información detallada pódese consultar na sección de Emprego do Concello da web municipal.