A Policía Local controlou as distracións ao volante en 1.440 vehículos durante a pasada semana, cun balance de 11 denuncias
A Policía Local participou durante a pasada semana nunha nova campaña especial de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico, desta vez centrada nas distraccións na condución. Do 17 ao 23 de setembro, os/as axentes controlaron 1.440 vehículos, cun resultado de 11 denuncias (0,76%) por algún tipo de distracción ao volante.
Das condutoras e condutores denunciados, 10 deles/as fórono por utilización do teléfono móbil, mentres que un máis foi sancionado por uso de auriculares conectados a un aparello reprodutor diferente do móbil. A Policía Local tamén destaca o feito de que, malia non ser o obxectivo dos controis, durante os mesmos detectáronse sete condutores/as que non levaban o cinto de seguridade.
Factor importante nos accidentes en vías interurbanas
Segundo nos lembra a DXT, en 2016, a distracción aparece como factor concorrente nun 25% dos accidentes con vítimas en vías interurbanas, principalmente a causa do uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS, ou outros dispositivos.
O uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente, equiparándoo algúns estudios á condución baixo os efectos do alcohol. "Tras un minuto e medio de falar polo móbil (incluso con mans libres) o condutor non percibe o 40% dos sinais, a súa velocidade media baixa un 12%, o ritmo cardíaco acelérase bruscamente durante a chamada e tárdase máis en reaccionar", afirma unha desas investigacións achegadas pola DXT.
Canto maior é a velocidade do vehículo, menor marxe de reacción ten o condutor fronte aos imprevistos e máis conveniente resulta que se concentre totalmente na tarefa de conducir e trate de evitar as posibles distraccións. Deste xeito, distracción e velocidade convértense así nun binomio que aumenta moi significativamente os niveis de risco durante a condución. Os tipos de accidentes máis frecuentes debido á distracción son a saída da vía, o choque co vehículo precedente e o atropelo.
Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, ler ou contestar un whatsapp, prender un cigarro ou axustar a radio mentres se conduce, supón apartar a vista da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen control e poden xurdir circunstancias que provoquen un grave accidente. Outros factores que favorecen as distraccións son a fatiga e a somnolencia; o estrés, a ansiedade ou a depresión; a idade avanzada; o consumo de alcohol ou certas características de personalidade.