A Policía Local de Santiago detén a catro persoas por un presunto delito de falsificación de billetes
Este domingo 21 de outubro, en torno ás 7:00 horas, efectivos da Policía Local procederon á detención de catro persoas (tres homes e unha muller) pola súa implicación nun presunto delito de falsificación de moeda e efectos timbrados, durante unha intervención realizada nun establecemento de ocio da cidade.
Tras recibir unha chamada dun local informando de que varias persoas tiñan pagado as súas consumicións, supostamente, con billetes falsos, axentes da Policía Local desprazáronse ata o devandito establecemento, onde procederon á identificación das catro persoas. Os axentes interviñeron os billetes presuntamente falsos e, tras os cacheos realizados, tamén atoparon entre as pertenzas dun dos identificados un billete con numeración similar aos intervidos e utilizados para pagar no establecemento.
Por tratarse dunha presunta organización con fins de cometer feitos delituosos, os catro detidos son trasladados á comisaría do CNP, onde permanecían á espera do seu pase a disposición xudicial.
Orde de detención
Tamén durante a madrugada o sábado ao domingo, sobre as 3:00 horas, efectivos da Policía Local localizaron na zona da Alameda a un individuo sobre o que pesaba unha orde de detención e presentación requirida por un xulgado de Madrid, procedendo á súa detención e ao seu traslado á comisaría do CNP.