As nenas e nenos que participan no Colecamiños xa poden trocar os seus "Olliños" por agasallos
O programa Colecamiños, impulsado polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local, séguese reforzando con máis atractivos para as nenas e nenos que se animen a iren andando aos seus colexios. Nos últimos días púxose en funcionamento o apartado da app do programa que permite trocar os agasallos facilitados polo comercio local para os/as participantes.
Os/as menores inscritos na app do programa Colecamiños a través das súas familias veñen de recibir unha mensaxe na que se lles informa dos pasos a dar para trocar os puntos que veñen acumulando, os "Olliños", por agasallos facilitados polo tecido comercial da cidade. Algunhas familias fixeron xa os primeiros trocos.
Para acceder aos agasallos, os nenos e nenas deben inscribirse na web colecaminos.santiagodecompostela.gal. Deste xeito recibirán unhas pulseiras que deben de pasar polos puntos de control instalados na entrada dos colexios nos que está implantado o Colecamiños e que, ademais de informar automaticamente ás súas familias da chegada ao centro, permiten acumular "Olliños" por cada día no que vaian camiñando, en bicicleta ou en patinete, aos colexios. Os puntos poderanse trocar antes do 30 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar.
Variedade de agasallos
Para que os nenos e nenas que participen no Colecamiños reciban agasallos, son máis dunha ducia os comercios que colaboran de maneira desinteresada no programa. Entre eles figuran grandes establecementos como As Cancelas, El Corte Inglés, McAuto ou Decathlon; e tamén tendas máis pequenas como Kookai, Como Pez en el Agua, Maravalla, Cafetería Las Vegas ou a perruquería infantil Fashion Kids. Tamén achegan agasallos para as nenas e nenos a academia de inglés Kids&Us; as ópticas Multiópticas e Opticalia ou a clínica odontolóxica Diniz. Por último, o Departamento de Cultura do Concello de Santiago ofertará entradas a concertos ou obras de teatro.
Máis de 150 nenos/as inscritos/as
A día de hoxe xa son máis de 150 os nenos/as inscritos/as a través das súas familias na app do Colecamiños. O centro con máis participantes é o CEIP Pío XII, cun total de 58; seguido polo CEIP Raíña Fabiola, con 50. No Ramón Cabanillas xa son 44 os nenos e nenas que teñen as súas pulseiras.